EconomíaEconomíaÚltima hora

Iberdrola hibrida unha batería con bombeo na central de Santiago Sil–Xares

A compañía eléctrica destaca a súa aposta "pola comunidade galega, e máis concretamente polas súas instalacións en Ourense, para poñer en marcha un proxecto pioneiro en España"

 

Iberdrola dispón xa de todos os permisos e autorizacións previas para a mellora e optimización da central de acumulación por bombeo de Santiago Sil – Xares. “O proxecto consiste na instalación dun arrancador estático e unha batería de 5 MWh que permitirá flexibilizar o axuste á rede dos grupos reversibles de bombeo existentes”, tal e como vén de informar a compañía, que o cualifica como un “proxecto innovador en España, sendo o primeiro destas características que se autoriza. Permitirá axustar á rede de forma máis rápida e flexible o actual bombeo hidroeléctrico entre os ríos Sil e Xares, cun desnivel de 230 m, 50 MW de potencia e unha capacidade de almacenamento hidroeléctrico de case 3 GWh (3.000 MWh)”.

Así mesmo Iberdrola asegura que deste xeito “consolida o esforzo investidor que está a desenvolver tanto para optimizar as súas actuais instalacións con tecnoloxía de Bombeo, da que é líder nacional con máis de 3.000 MW de potencia (máis do 50% do total de España), así como para promover novas instalacións de acumulación (en Galicia, Conso II, 1.800 MW)”.

A central hidroeléctrica de Sil – Xares, ten unha produción media é de 100 GWh/ano, atópase situada no termo municipal de Vilamartín de Valdeorras e entrou en funcionamento en 1969. Conta con catro grupos hidroeléctricos: dous deles de tipoloxía fluyente e denominados Santiago Sil, cunha potencia de 14 MW e un caudal de 160 m3/s, e outros dous de tipo Francis Reversible, con capacidade de acumulación por bombeo (Santiago Xares) de 50MW de potencia e un caudal de 18 m3/s.

 

 

“No actual contexto, as instalacións de acumulación por bombeo (Gigabaterías) son imprescindibles para avanzar na descarbonización do Sistema Eléctrico, permitindo a integración das enerxías renovables non gestionables, o incremento do investimento e desenvolvemento das mesmas, ao evitar desconexións en momentos de baixa demanda”, sinala Iberdrola.

Actualmente Iberdrola é a única compañía que dispón da tecnoloxía de bombeo hidroeléctrico en Galicia, con máis de 350 MW instalados neste tipo de instalacións na provincia de Ourense, tal e como destaca a propia empresa. “O último exemplo da aposta de Iberdrola por esta tecnoloxía é o seu Complexo Hidroeléctrico de Tâmega, unha das maiores iniciativas enerxéticas da historia, cun investimento total de máis de 1.500 millóns de euros, unha capacidade instalada de 1.158 MW e unha reserva de enerxía de 40 millóns de kWh”, afirma Iberdrola.

Artigos relacionados

Back to top button