SanidadeÚltima hora

Joaquín Cubiella asume a Xefatura da Sección de Investigación da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras

O seu ámbito da actuación incluirá aos dous niveis asistenciais, tanto primaria como hospitalaria, exercendo o seu labor en todos para todos os ámbitos e categorías profesionais

O doutor Joaquín Cubiella Fernández.

 

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras ven de resolver a convocatoria realizada no pasado mes de maio para cubrir a praza da Xefatura de Sección de investigación, recaindo no doutor Joaquín Cubiella Fernández (Licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Oviedo, acadando a especialidade en aparello dixestivo no Hospital Clínic de Barcelona), que na actualidade desenvolve a súa actividade profesional como médico especialista do servizo de aparello dixestivo do Hospital Universitario de Ourense. O doutor Cubiella é ademais coordinador e investigador principal de varios dos proxectos desenvolvidos durante os últimos anos nesta área sanitaria e doutros que está a liderar na actualidade xunto con equipos formados tanto por profesionais sanitarios como por investigadores asociados da universidade.

O ámbito da actuación desta nova xefatura incluirá aos dous niveis asistenciais, tanto primaria como hospitalaria, e aos tres centros hospitalarios da provincia, exercendo o seu labor en todos para todos os ámbitos e categorías profesionais co gallo de elaborar o mapa de procesos en materia de investigación na Área Sanitaria. Segundo Félix Rubial, Xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras “a intención principal na creación desta xefatura está ben definida nos obxectivos da praza na que subxace o interese por facer da investigación, xunto coa docencia, o auténtico motor da mellora da asistencia sanitaria que dispensamos aos nosos pacientes”.

O doutor Cubiella terá como primeiro obxectivo a “revisión e actualización das liñas de investigación da Área Sanitaria, consolidando as xa existentes e promoverá a creación doutras establecendo estratexias de cara á promoción de profesionais e grupos investigadores emerxentes mediante alianzas internas que permitirán a investigación transversal entre servizos”, indican dende o Sergas.

Asemade promoverá a colaboración cos outros grupos de investigación, especialmente os do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur e da Universidade de Vigo, e identificará novos grupos de investigación para formar parte das redes de investigación nacionais e internacionais que posibilitarán captar novos recursos en procedementos competitivos, convenios de colaboración ou ensaios clínicos.

Artigos relacionados

Back to top button