CulturaCulturaEn portadaÚltima hora

Lembranzas da celebración de San Antonio Abad en Fontei (A Rúa)

 

San Antoniño de xaneiro, San Antonio Abad. Dícese que o San Antonio de xaneiro é o San Antonio verdadeiro. “Xa fai muitos anos era un día de descanso xeral; os bois non se xuncían e os cabalos e burros non se aparellaban, sólo se lle poñía a cabezada pra levalos a bendecir no atrio da igrexa despois da misa cantada en latín polos labregos de Fontei”, lembra Enrique Rodríguez, veciño desta parroquia ruesa, destacando que hoxe non queda nada diso pero “debemos manter a lembranza dos nosos vellos”.

 

 

Naqueles tempos en todas as casas se facía a matanza dos “nosos cochiños, irmaus, que nos daban de comer durante todo o ano”, conta Enrique, lembrando que as familias ofrecían ao Santo unha pequena parte do marrau, unha orella, unha uña, o rabo ou un cacho de soá. “Todo se xuntaba nun cesto ou máis de un. Despois da misa e a bendición subastábase e os cuartos eran pro cura e galletas e viño que se bebía en sana veciñanza. O viño sempre o regalaba a bodega dos Sotelos, Suso, Fonso, Jando e Nenocho”, conta este veciño de Fontei, lembrando a celebración do Santo nesta parroquia ruesa.

 

 

En Fontei non teñen a imaxe de San Antonio pero Enrique asegura que “festexabámolo sempre, a nosa maneira”. É máis, a misa que se cantaba era exclusiva de Fontei e “fora composta por un director da banda de música de Fontei, a quen chamaban Ameixeiras, cuxas partituras perdéronse”. Así e todo, con estas imaxes dos anos 80 desexamos un Feliz día de Antonio!

 

Imaxe de San Antón na igrexa de Santo Estevo, na Rúa.

 

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button