EconomíaEconomíaEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

Máis de cen cabezas de Rubia Galega, Caldelá e Vianesa, na 2º Feira de Gando de Castro Caldelas

O Toural da vila acollía este mercado de compra e venda de gando coa asistencia de numeroso público

 

O Toural de Castro Caldelas volvía encherse nesta mañá con máis de 100 cabezas de gando, de tratantes, gandeiros de diferentes puntos da provincia de Ourense e mesmo da de Lugo, e de público (tanto da comarca como de fóra) de todas as idades. A vila celebraba a súa segunda feira de gando, tras a recuperación deste mercado cun gran éxito o pasado mes de maio, despois de máis de 25 anos sen poder celebrala debido ás condicións sepizolóxicas (brucelose, vacas tolas e lingua azul). Ademais, novidade desta segunda feira era a apertura e a entrada en funcionamento do Centro de desinfección e desinsección do Concello, que permanecía pechado dende hai 15 anos, e que supón recuperar un servizo para os gandeiros.

 

 

“Esta segunda feira é importante porque nas outras tiñamos unha autorización específica para ese feito concreto, neste momento, queda oficialmente aberta a feira e oficialmente aberto o centro de desinfección, ao xa non ter que andar pedindo permisos. É importante conseguir que a partir de agora poidamos ter aquelas feiras que se consideren pertinentes con gando aquí e, sobre todo, ese servizo para calquera persoa ou calquera gandeiro que ten que mover as reses dun lugar a outro, que ten que levar ao matadoiro, que ten que facer transaccións, para que co centro dispoña dese servizo de desinfección sen ter que trasladarse, porque o máis cercano está en Xunqueira, pois a partir de hoxe queda establecido aquí”, resaltaba a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega.

 

A alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega.

 

No Toural había exemplares de razas de Rubia Galega, Caldelá e Vianesa, así como sementais de diferentes explotacións. Ademais no recinto feiral dispoñíase de posto de pulpo e carne á brasa e ao caldeiro para que puidesen xantar as persoas que o desexasen.

 

 

“Para nós esta feira, na que houbo importantes transaccións comerciais con tratantes e gandeiros, constitúe unha gran satisfacción”, resaltaba a alcaldesa de Castro Caldelas, “é como un logro que case case viamos imposible e, sobre todo, o compoñente da xente maior, que aínda mantén ese sentimento polas feiras e pola tradición, e, ao mesmo, co da xente moza que se está incorporando de xeito continuado ao traballo no rural creando novas e tecnificadas explotacións.”, concluía a alcaldesa.

 

 

Como nota de cor, engadía a rexedora, “hoxe os nenos e nenas do Campamento de Verán do Concello de Castro Caldelas acompañados dos seus monitores, coñeceron a ffeira de primeira man. Pasearon e viron de preto o gando, recibindo leccións de vida dos máis maiores. E coñeceron a realidade do traballo do rural pero tamén o futuro que os novos gandeiros están escribindo”.

 

Nenos do campamento visitando a feira de gando./ Cedida.

 

Así mesmo, dende o Concello de Castro Caldelas, o grupo de goberno daba “as grazas a todos os gandeiros pola súa implicación, ao persoal polo gran traballo realizado, ás técnicas beterinarias polas facilidades, e á multitude de xente que acompañou esta feira”. A feira de gando facíase coincidir coa feira do 18 de agosto, con multitude de postos no centro da vila.

 

 

Feiras trimestrais de gando na vila

Tras reunirse cos gandeiros da comarca, referente galego en produción de carne de vacún, a intención do Concello é organizar unha feira cada trimestre, pero isto podería modificarse en función das demandas do sector.

Ademais o vindeiro mes de setembro, o día 10, o Toural de Castro Caldelas acollerá unha feira-concurso exposición na que se fomentará a participarán de gandeiros e haberá premios. Así celebrarase a XXVI Feira- Concurso-Exposición de gando vacún e o Desfile de Cartos e Xugadas polas rúas da vila.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button