ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Manuel Agra resalta “o compromiso coa lingua galega” de María Victoria Moreno

No marco dos actos das Letras Galegas no Barco, impartía unha conferencia na tarde do 15 de maio na Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán

“Gustaríame dicir que deixo un ronsel de amor, un bo exemplo e un libro que descubra algo a quen o lea”. Con esta frase de María Victoria Moreno concluía Manuel Agra Vilar, profesor de lingua e literatura galega durante moitos anos no IES Martaguisela, a conferencia que impartía sobre a autora homenaxeada nas Letras Galegas na tarde do 15 de maio no Barco. “Eu creo que si o conseguiu”, engadía o ponente.

Deste xeito remataba unha intervención de case unha hora na que facía un retrato desta autora, destacando a súa calidade humana, como mestra e tamén como escritora, apoiándose ao mesmo tempo no amor que sentía pola lingua, a literatura galega e os seus alumnos. Unha profesora retratada por outro profesor, tal e como sinalaba na presentación a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, ao explicar a escolla de Agra Vilar para esta conferencia. “Queríamos a un docente que nos amosase a outra compañeira e poder ver a María Victoria Moreno dende os seus ollos e perspectiva”.

Manuel Agra comezaba a súa ponencia destatando “o compromiso coa literatura con Galicia e coa vida” de Moreno. A partir de aí relataba a traxectoria vital desta estremeña que con 22 anos se trasladaba, xunto ao seu marido, a Galicia para dar clases. E apuntaba como o seu contacto con Xesús Alonso Montero, en Lugo, marcou a súa vida, ao decidir escribir en galego.

Resaltou as singularidades desta autora, dende o seu papel de iniciadora na literatura infantil e xuvenil, que “modernizou e conectou coa realidade”, pasando pola súa fidelidade á lingua e aos libros ata a paixón pola súa profesión de docente. Tamén se referiu a súa condición de tradutora, editora, antóloga a libreira.

Despois seleccionaba tres libros da obra de literatura infantil de María Victora Moreno: “Mar adiante” por “ser o primeiro”, “Leonardo e os fontaneiros” por “ser o seu preferido” e “Anagnórise”, que “é un clásico da literatura infantil”. Afondaba en cada un deles e mesmo intercalaba a súa intervención con lecturas de determinados parágrafos destes volumes.

Finalmente, mencionaba os libros que escribiu destinados aos adultos: “Diario da luz e da sombra”, un ensaio no que a modo de diario abordaba a súa convivencia co cancro do que faleceu, e “Elexías da luz”, de poesía para adultos. “Era unha autora completísima”, aseguraba.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button