Galerías de fotosSanidadeÚltima hora

Marcos Blanco e Ghizlan Etaouil, alumnos valdeorreses premiados no concurso “Os meus avós, mestres da vida” da área sanitaria

O acto de entrega de diplomas deste certame tiña lugar esta mañá no salón de actos do Hospital de Valdeorras, no Barco

 

Debuxos e frases coas que os máis pequenos resumen o seu sentimento polos seus avós e avoas. Os escolares de primaria da provincia de Ourense presentaban uns 3.000 traballos ao concurso “Os meus avós, mestres da vida” promovido polo Observatorio contra a Discriminación do Maior da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, (no que colaborou a xefatura territorial de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia en Ourense) que busca contribuír a desbotar entre o alumnado de educación primaria prexuízos e estereotipos sobre as persoas maiores, que afectan ao seu benestar e limitan os seus dereitos.

Neste xoves entregábanse no salón de actos do Hospital Público de Valdeorras, no Barco, os premios deste certame correspondentes ao Distrito Sanitario do Barco, un acto que contaba coa presenza do director do mesmo, Alberto Pedrera. Os escolares premiados eran Marcos Blanco do CEIP Manuel Respino da Rúa e Ghizlan Etaouil do CEIP Julio Gurriarán do Barco.

 

 

No seu debuxo Marcos Blanco, que acudía ao acto acompañado dos seus avós, entre outros membros da súa familia e un docente do colexio, amosaba unha tarde de pesca co seu avó, co seguinte texto: “Co avó a vida é máis ca consolas e videoxogos, é un mundo por descubrir”. Pola súa banda, Ghizlan Etaouil, que tamén acudía con parte da súa familia e unha profesora, debuxaba aos seus avós, coa frase “os avós son unha mestura deliciosa de risas, historias marabillosas e amor”.

Durante a entrega de premios, o director do Distrito do Barco, Alberto Pedrera, agradecía a gran participación dos escolares neste concurso e a calidade dos traballos, “foron moitos os colexios que participaron”, ademais de darlle os parabéns oa ganadores desta edición que, ademais de diplomas e agasallos, recibían outro premio: visitar o interior dunha UVI móbil.

Os debuxos participantes no concurso poden verse dende o 15 de xuño nunha exposición situada nun dos pasillos do Hospital Público de Valdeorras, xunto ao salón de actos do centro.

 

 

O idadismo

O idadismo refírese a discriminación implícita en prexulgar e estereotipar a unha persoa en función da súa idade e contribúe a percepción negativa da idade avanzada, invisibilizando  socialmente as persoas maiores, minusvalorando a súa autodeterminación, formación, capacidades e dereitos.
Unha de cada dúas persoas ten actitudes idadistas, segundo un informe das Nacións Unidas, que alerta sobre como esta discriminación, por razón de idade, pode empobrecer a súa saúde física e mental, ademais de reducir a súa calidade de vida.

Nesta liña, a Organización Mundial da Saúde (OMS) no seu recente informe mundial sobre idadismo, insta aos países e institucións a actuar e tomar medidas moi especialmente de tipo interxeneracional.

Con esta iniciativa a sanidade e a educación pública de Ourense adiántanse ao aplicar as recomendacións da OMS de actuar ante este problema, e introducen no debate escolar unha problemática aínda descoñecida por moitos, aproveitando o vinculo entre os netos e netas e os seus avós ou avoas.

Fotos: A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button