EconomíaEconomíaÚltima hora

Medio Rural di que “é preciso sacrificar os animais do rabaño afectado” de Palleirós (Manzaneda) “nos prazos establecidos e comunicados ao titular gandeiro”

A consellería sinala que "se trata de permitir que os servizos públicos de sanidade animal realicen o seu traballo no marco dunha cuestión de saúde pública"

 

A Consellería do Medio Rural emitía esta tarde un comunicado con relación ao caso de tuberculose bovina na granxa de Palleirós (Manzaneda), no que aseguraba que se “trata de permitir que os servizos públicos de sanidade animal realicen o seu traballo no marco dunha cuestión de saúde pública” e considera “fóra de lugar facer calquera tipo de demagoxia con ela, algo que pode provocar confusión e alarma entre a poboación. Este é, ademais, un asunto regulado polo Programa nacional de erradicación desta enfermidade e pola normativa de referencia. Este programa está aprobado pola Unión Europea e é de obrigado cumprimento”.

Medio Rural tamén explica que “o sacrificio obrigatorio dos animais da explotación afectada determínase tras a confirmación laboratorial da existencia de tuberculose bovina nela, co que se busca atallar o foco da enfermidade para así poder dar unha viabilidade futura á explotación afectada e protexer ás restantes explotacións libres de Galicia”.

Así a consellería apunta que “nesta situación é preciso sacrificar os animais do rabaño afectado nos prazos establecidos e comunicados ao titular gandeiro, segundo establece a normativa, pola que rexen as actuacións dos servizos veterinarios oficiais, que sempre están dirixidas á protección do sector gandeiro, a sanidade animal e a saúde pública”.

Por outra banda, a Consellería do Medio Rural di que “esta medida de control sanitario está contemplada nos programas nacionais de erradicación, e dá dereito a indemnización ao titular dos animais”,  que “os gandeiros tamén perciben o valor da carne dos animais sacrificados no matadoiro, así como os importes dos seguros agrarios subscritos” e que, “como actuación complementaria de colaboración co sector gandeiro nestes casos, os labores de limpeza e desinfección das instalacións que albergan os animais son asumidas directamente pola propia administración”.

Situación en Galicia

Finalmente, Medio Rural explica que no 2021 a Comisión Europea declarou Galicia “como zona oficialmente libre de tuberculose bovina para a totalidade do seu territorio (a prevalencia desta enfermidade é inferior ao 0,1%), ao cumprir os requisitos establecidos para tal fin pola normativa europea de referencia” e isto “outórgalle a Galicia unha posición privilexiada no sector do leite e da carne de cara á comercialización de exemplares para recría, así como para a exportación de animais e produtos derivados”.

Artigos relacionados

Back to top button