EconomíaEconomíaÚltima hora

Medio Rural responde ao SLG tras a concentración contra o baleirado sanitario en Santiago

 

Tras a concentración celebrada este mediodía nos edificios administrativos centrais da Xunta en Santiago e convocada polo Sindicato Labrego Galego polo baleirado sanitario, a Consellería do Medio Rural emitía un comunicado en resposta ás demandas expostas polos convocantes. En primeiro lugar, Medio Rural asegura que “é sorprendente escoitar por parte dunha organización agraria que a Xunta non estivo en contacto co gandeiro afectado polo baleirado sanitario de Manzaneda. Esta é unha afirmación rotundamente falsa”, neste senso, sinala que o gandeiro “foi informado cumpridamente da situación, por parte de técnicos da Consellería, sobre os pasos a dar para cumprir coa normativa vixente. Neste sentido, fóiselles comunicadas as medidas a desenvolver e a súa calendarización, así como as diferentes liñas de indemnización ás que se poderá acoller. Toda esta información foille trasladada polos servizos veterinarios da Consellería do Medio Rural, que estiveron sempre en permanente contacto co gandeiro -como non podería ser doutro xeito- despois de ter detectado o foco de tuberculose bovina na súa explotación”.

Ademais, a consellería di que “posteriormente, o 14 de marzo, unha técnica de alto nivel dos servizos centrais da Consellería falou co gandeiro para explicarlle esta situación. Ese mesmo día, o conselleiro do Medio Rural abordou a situación coa responsable da organización agraria que hoxe volve a falar de falta de diálogo. E o 26 de marzo, o gandeiro e un representante do SLG foron recibidos en Ourense pola delegada territorial en funcións en Ourense”.

Por outra banda, Medio Rural afirma que “no caso concreto de Manzaneda, o sacrificio é obrigatorio segundo a normativa, dado que houbo cultivo microbiolóxico positivo, con lesións en tecidos de dúas delas. Este foco é semellante a outro anterior, o que reflicte a necesidade do baleirado. Traballamos para atallar o foco, ofrecer unha viabilidade futura á explotación e protexer ás restantes libres desta doenza”.

E engádese que”actualmente hai 23.000 explotacións en Galicia sometidas a programas de control sanitario. Delas, contrólanse anualmente unhas 10.000 explotacións. Destas 10.000 explotacións, nos últimos 5 anos rexistrouse unha media de 4 baleirados sanitarios, unhas cifras que amosan que Galicia está actuando ben e está facendo ben as cousas en prol da calidade sanitaria das súas explotacións”.

Tamén apunta Medio Rural que “dende o inicio deste proceso, ao gandeiro titular da explotación foille trasladado por parte da Xunta toda a información referida ás diferentes liñas de compensación que poderá solicitar, baseadas en un baremo estatal”. E a consellería lembra que “Galicia é unha referencia en sanidade animal, un status que proporciona unha posición privilexiada ao sector”.

Artigos relacionados

Back to top button