SanidadeÚltima hora

Mellorar o control e implicar aos pacientes no autocoidado, obxectivos no Día Mundial da Asma

Entre 200 e 250 persoas son atendidos anualmente por asma grave e frecuentan habitualmente o Hospital de Día de Neumoloxía ata conseguir un bo control

Profesionais con unha das pacientes no Hospital de Día de Neumoloxía do CHUO./ Cedida.

 

Neste 3 de maio, no que se celebra o Día Mundial da Asma, as profesionais desta Unidade do Hospital Universitario de Ourense veñen de facer pública a importancia de mellorar o control desta enfermidade crónica que afecta, a entre un 4 e o 5,5% dos adultos, e preto do 7% da poboación infantil.

A asma é unha enfermidade crónica que conta con recursos sanitarios e tratamentos efectivos e eficaces e, pese a elo, ata un 36% dos pacientes, segundo os últimos estudos, están mal controlados, e un número similar, 34%, parcialmente controlados, o que empeora a súa calidade de vida e aumenta as súas necesidades asistenciais, incrementando ingresos, probas, consultas e consumo de fármacos.

Por todo elo a Unidade de Asma do Hospital Universitario de Ourense, que vén de ser acreditada este ano co nivel de excelencia, por parte da Sociedade Española de Patoloxía Respiratoria (SEPAR) quere chamar a atención sobre a necesidade de mellorar o control desta enfermidade, para o que é clave, ademais dos recursos sanitarios, a implicación dos propios pacientes no coñecemento da súa enfermidade e a súa responsabilidade no autocoidado.

Precisamente co fin de axudar aos pacientes con asma a controlar mellor a súa enfermidade, Grupo de Traballo de Asma da Sociedade Galega de Patoloxía Respiratoria (SOGAPAR) do que forman parte as responsables en ourense, ven de desenvolver unha App de móbil chamado “Asmacontrol” de descarga gratuita.

 

A doutora Coral González, neumóloga do CHUO. Unidade de Asma./ Foto cedida.

 

Non hai idade para a Asma

A asma dase a calquera idade, en nenos, adolescentes, adultos e anciáns, non é infecciosa pero as infeccións respiratorias virais (como a gripe o arrefriado común) poden causar ataques ou crises de asma. Ademáis nunha alta porcentaxe dos casos, o 60%, esta enfermidade está asociada ao padecemento doutra, e ata o 12% de tres ou máis como: Rinosinusitis crónica, con ou sin polipose nasal; Rinite; Bronquiectasias e incluso dermatite actópica. Nos nenos, a asma asóciase con frecuencia con alerxia, asociación menos habitual cando empeza a idade adulta.

Coral González, unha das neumólogas ao cargo da unidade de Asma, xunto a Iria Veiga e Raquel Dacal, destaca que entre uns 200 e 250 ourensans e ourensanas son atendidos anualmente por Asma Grave, sendo tamén os pacientes de asma, un dos usuarios habituais do Hospital de Día de Neumoloxía, ao que acoden a recibir tratamento, sen necesidade de ingreso, ata que chegan a un bó control da saúa enfermidade.

Estes pacientes normalmente son derivados ao hospital de día tras padecer crises de asma que os levan a ingresar en urxencias ou no hospital. Os pacientes con asma grave non controlada son unha pequena porcentaxe dos pacientes (entre un 3 ou un 7,7% segundo diversos estudos) pero consumen ata un 50% dos recursos destinados a seu tratamento, sufrindo importantes consecuencias na súa vida laboral e calidade de vida.

 

A doutora Raquel Dacal. Neumóloga. Unidade de Asma./ Foto cedida.

 

 

RECOMENDACIÓNS DE ESTILO DE VIDA SAUDABLE PARA O BO CONTROL DA ASMA

1. Acode de forma periódica ás consultas programadas co teu especialista e o teu médico de familia. Informaranche das características da asma, variabilidade dos síntomas e causantes e como recoñecelos. Ensinaranche un plan de acción personalizado para o bo control da túa asma.

2. Toma sempre a medicación que o teu profesional médico che prescríba e cumpre as súas indicacións: dose, frecuencia e duración pautadas. Non te automediques.

3. Crea o teu diario de asma. Recolle datos dos teus síntomas, tratamento e calquera axente que che pareza un causante dos teus brotes de asma. Dispós de aplicacións no teu móbil que che axudarán a realizar este diario: ASMACONTROL.

4. Trata precozmente os síntomas de asma cando aparezan. Utiliza o teu plan de acción persoalizado e consulta ao teu médico. Revisa periodicamente a túa técnica inhalatoria.

5. Utiliza correctamente os inhaladores. O único tratamento efectivo na asma é aquel que se inhala correctamente. Revisa periodicamente a túa técnica inhalatoria.

6. Non fumes e evita ambientes con fume.

7. Procura respirar aire limpo e libre de alérxenos.

8. Realiza deporte ou actividade física. Estar activo axudará a túa saúde.

9. Mantén hábitos alimentarios saudables. A obesidade é unha comorbilidade que pode conlevar un mal control da asma.

10. Fai prevención de infeccións respiratorias: lavado frecuente de mans, evita contactos con persoas con arrefriados ou outras infeccións respiratorias, evita amontoamentos durante as epidemias de virus respiratorios, vacínate da gripe.

Artigos relacionados

Back to top button