ConcellosQuirogaÚltima hora

Mirador de Vilañán, novo punto de observación para o Xeoparque Montañas do Courel

O alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, comprobou esta nova estrutura así como as coloridas vistas

 

O Xeoparque Montañas do Courel conta cun novo punto de observación da espectacular paisaxe deste territorio.  Situado na serra de Vilañán, no Concello de Quiroga,  permite contemplar a totalidade do val do río Quiroga  dende o seu nacemento na cara suroeste do Pía Páxaro, preto de Vilarbacú, coa unión dos  regos Porto Murelos, as Lagoas e  Curuxido, ata a súa desembocadura no río Sil en Quiroga, tras recorrer 24 km.

Este miradoiro acaba de ser acondicionado polo GDR Ribeira Sacra, creando unha estrutura de madeira sobre unha rocha que xa se utilizaba para contemplar o val  pola súa estratéxica situación e que os veciños da zona xa chamaban a “Pena de Pensar ou Mirador de Vilañán”. Para facilitar o acceso colocouse unha escaleira de madeira e unha varanda, que se complementaron cun banco que permite gozar comodamente das vistas e da paz e tranquilidade que se respira neste lugar. Como remate da obra, nuns días, colocarase un panel explicativo da zona que se pode ver dende este punto, tal como explican dende o Concello de Quiroga.

 

 

Numerosos núcleos espallados por todo o val, Quiroga, San Clodio e puntos destacados como o Pía Páxaro (1.610 m) e Formigueiros (1.639 m), as cumes máis altas do Xeoparque da UNESCO; o Alto do Boi, límite entre os concellos de Quiroga e Folgoso do Courel, ou Castro de Ares poden contemplarse dende este miradoiro, “sen esquecernos da serra de Ribas de Sil na subida a San Xoán de Río (Ourense)”, puntualizan dende o Concello.

O miradoiro está situado a 7 km de Quiroga. Os primeiros  4 km de pista asfaltada son o acceso dende a vila quiroguesa a Vilañán, os tres seguintes discorren por unha pista de terra, a mesma que leva ata o despegue de parapente.  Este recorrido foi o que fixo o alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, para comprobar esta nova estrutura e comprobar as vistas que se atopan nun dos momentos máis espectaculares co colorido do outono que viste todo o val, especialmente ás cepas das que sae o viño de Quiroga.

 

 

Este miradoiro xa forma parte da rede de miradoiros do Xeoparque Mundial Nontañas do Courel,  que a través de 26 puntos estratéxicos repartidos por todo o seu territorio permite observar dende perfectos escaparates, a rica  historia xeolóxica, a paisaxe e o patrimonio cultural que este xeoparque engloba.

Artigos relacionados

Back to top button