ConcellosManzanedaÚltima horaVídeos

“Non estamos en contra do saneamento gandeiro, pero pedimos que en Galicia cambien o protocolo”

Secundino Domínguez, gandeiro de Manzaneda afectado por un baleirado sanitario ao dar positivo en tuberculose 3 vacas da súa explotación en Palleirós (Manzaneda), conta que noutras comunidades como Castela e León non se sacrifican todos os animais da granxa, senón só os infectados. Mañá haberá unha concentración solidaria na súa explotación

 

A piques de sufrir un posible baleirado sanitario está unha explotación de vacún de carne de Palleirós (Manzaneda). É cuestión de horas, no mediodía de mañá está previsto que se proceda a marcar ás reses cunha chapa metálica para, logo, envialas ao matadoiro e proceder ao seu sacrificio. Todo comezaba días atrás, cando durante a campaña do saneamento gandeiro tres vacas desta explotación daban positivo en tuberculose bovina e foron sacrificadas. “Fíxoselles un cultivo e confirmou ese positivo, entón a decisión que tomou a consellería foi a de proceder ao baleirado sanitario do resto de animais da explotación, tendo en conta que a día de hoxe entre vacas e becerros hai 46 cabezas”, di un dos responsables desta granxa, Secundino Domínguez.

Ademais non entende porque este baleirado lle vai a afectar a unha parte do gando que non tiña ningún contacto coas reses infectadas. “A explotación está en Palleirós, é en extensivo e  témola en dous lotes, un deles en Palleirós e o outro lote en Raigada. Onde nos deron os tres positivos foi no de Palleirós, e non xuntamos as vacas deses dous lotes para nada e están totalmente independentes, non coinciden nin nas mesmas fincas pastando, por iso non entendemos porque hai que sacrificalo todo”, sinala Secundino Domínguez.

Tampouco entenden o protocolo que aplica Galicia, fronte ao doutras comunidades como Asturias, Castela e León ou Estremadura, “nas que só sacrifican o animal que sae enfermo, ao resto fanlle un seguimento, con diversas probas no ano,. Dinnos que nesas comunidades teñen unha prevalencia dun 2,2 de tuberculose, mentres que Galicia está nun 0,1 e que se hai un animal malo, faise o baleirado do resto da explotación”. Por iso, “o que pedimos os gandeiros é que cambien este protocolo de saneamento, nós non estamos en contra de que haxa saneamentos e de que se hai un animal infectado, que se sacrifique, pero non este sistema”.

Este gandeiro tamén lamenta o xeito no que se vai desenvolver ese baileirado. “Mañá van vir e póñenlle unha chapa metálica para mandar as vacas ao matadoiro para ser sacrificadas, temos que buscar nós o matadoiro que nolas mate e tamén quen nolas leve. E, despois, aínda por riba, os becerros de menos de tres meses non van para o matadoiro, dixéronnos que viñan e que mandaban a alguén para que os sacrifique na nosa nave e despois que chamemos á empresa que recolle os animais que morren e que os veñan recoller. Temos que terlle man nós deses becerros recén nados, que son uns 16, para que os sacrifiquen na explotación, imaxínate o que iso supón, facilitarlle nós para os maten…”.

 

 

A notificación deste baleirado sanitario supuxo todo un xerro de auga fría tanto para el como para o seu irmán, que no ano 2019 formaban unha sociedade co fin de manter a actividade gandeira dos seus pais, con moito esforzo, traballo e investimento. “Collemos a explotación que era familiar, con sete vacas, investimos en maquinaria, e a nosa idea era que, cando tiveramos todo funcionando, vivir diso, para iso estamos aumentando e seguimos investindo. Hoxe en día unha persoa que se queira poñer a vivir disto, como non teña a base e capital, é imposible sacar un soldo para vivir, hai que pagar seguros e manter a familia”, explica este gandeiro. Os positivos en tuberculose e o baleirado ao que se vai ver sometida a súa granxa supón frustar o seu proxecto.

Estes gandeiros séntense abandonados ante esta situación, coa perda das súas vacas, que forman parte da familia dende hai moitos anos e coa conseguinte e grave perda económica, que agora mesmo cifran en máis de 32.000 euros e que pon en serio risco a continuidade da súa granxa. “Cando acabe isto a ver que ánimos temos para continuar porque é difícil, ¿como vai haber xente nova que se meta a vivir da gandería? ¿por que hai abandono da actividade? Por estas cousas que fan, e despois aínda presume a Xunta de que axuda ao medio rural, cando fai todo o contrario, a realidade é totalmente outra e estase vendo”, di Secundino Domínguez.

 

 

O SLG demanda medidas de apoio ao sector

Dende o Sindicato Labrego Galego (SLG) estase facendo seguemento deste caso e destacan o “prexuízo tanto económico como emocional” que iso implica para os gandeiros. “A posibilidade dun baleirado sanitario é unha das cuestións que maior preocupación xera na meirande parte de persoas gandeiras. A calquera granxa lle pode pasar e en calquera momento, aínda que se cumpran tódalas medidas hixiénico-sanitarias. No caso por exemplo da tuberculose, a doenza está aí, encapsulada, de forma latente, e unhas condicións ambientais favorables poden desencadear o seu desenrolo”.

Neste senso, esta organización sindical lembra que nun “sector no que os prezos xa non cobren os custos de produción, e no que as subvencións da Política Agraria Común (PAC) que axudaban a paliar esta situación estanse vendo cada vez máis mermadas e cunha burocracia que afoga ás persoas titulares das explotacións, este tipo de situacións contribúe a incrementar o abandono da actividade agrogandeira e desalenta o relevo xeracional”. E nesa liña dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) consideran que a “Xunta de Galicia debería activar medidas de apoio ás gandeiras e gandeiros afectados que permitan repoñer os animais sen custo para estes, e que deste xeito se recuperen o máis rápido posible evitando no posible os prexuízos causados”.

Concentración solidaria mañá en Palleirós (Manzaneda)

Mañá, venres 15 de marzo, ás 11:00 horas, terá lugar unha concentración de apoio a estes gandeiros afectados por este posible baleirado sanitario da súa explotación gandeira, ubicada na aldea de Palleirós. “Está prevista a marcaxe de 40 animais sans para o seu sacrificio por parte da Xunta de Galicia. O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), gandeiras/os e veciñanza estaremos acompañando a esta granxa do concello de Manzaneda”, adiantan dende o sindicato.

Así mesmo, esta organización incide en que “reiteramos a pertinencia de que o control epidemiolóxico da Xunta de Galicia se realice apoiándose nas campañas de saneamento -de eficacia demostrada ao longo destes anos- en lugar de en medidas efectistas como matar tódolos animais dunha granxa cando aparece un positivo, xa que ademais do grave impacto económico e emocional que implica para as persoas gandeiras, eliminar animais sans non aporta absolutamente nada á estratexia de control sanitario”.

 

Artigos relacionados

Back to top button