ConcellosO BarcoÚltima hora

O Barco fará un estudo para valorar a creación dun transporte público entre a vila e o rural

O BNG presentaba en pleno unha moción sobre este tema que resultaba aprobada por unanimidade da Corporación na tarde do 7 de setembro

 

O Concello do Barco realizará e presentará “en pleno antes de rematar o ano 2024 un estudo de planificación de traxectos, custos e posibilidade de colaboración con outras administracións ou entidades para acadar liñas de bus ou vehículos de uso público que conecten os barrios periféricos e o rural co centro da vila, asegurando diariamente un servizo de liñas regulares ou a demanda independentemente de épocas lectivas ou non para tódolos núcleos de poboación do concello”. Así o acordaba por unanimidade a Corporación barquense, que na tarde deste 7 de setembro votaba a favor da moción presentada polo BNG no pleno.

Esta moción era presentada polo concelleiro nacionalista Suso Vilasánchez, quen lembraba que a cuestión de dotar dun transporte público ao municipio xa se tiña tratado en anteriores plenos noutras lexislaturas. “A situación do transporte urbano no concello do Barco e a necesidade de implantar liñas de buses ou vehículos de uso público que conecten o rural barquense co seu centro urbano, ou mesmamente os distintos barrios periféricos, xa foi obxecto de debate plenario no anterior mandato municipal 2019-2023” no pleno de decembro de 2019, porén, “dende aquel debate ate o día de hoxe producíronse actuacións políticas que dan a entender a necesidade de volver considerar este debate”.

Dende o grupo municipal popular o seu voceiro, Manuel Núñez “Noli”, amosaba o respaldo total do PP á iniciativa. “Estamos totalmente a favor da moción, de feito nós tamén incluíamos isto no noso programa electoral. Cremos que é algo moi necesario e hai que facer un estudo no que tamén se teña en conta o tema do servizo de taxi, para que se contemple tamén a este colectivo profesional”.

Deseguido, o voceiro do grupo municipal do PSdeG-PSOE, Aurentino Alonso, anunciaba tamén o apoio á moción nacionalista. “Levamos moitos anos traballando en plans de mobilidade”, lembraba. Así mesmo adiantaba que nun servizo de transporte deste tipo “o financiamento non pode ser municipal, o Concello non tería capacidade para financialo”. Tamén entende Alonso que agora mesmo os servizos de transporte no municipio están “minimamente cubertos, non diariamente, pero están cubertos”.

 

 

Nesta sesión plenaria tamén resultaban aprobados a conta xeral do Concello correspondente ao exercicio do 2022 e un ditame da Comisión municipal de Contas sobre a modificación do cadro de persoal do Concello do Barco e a creación dunha praza eventual. Pero nestes casos os puntos saían adiante unicamente cos votos a favor dos concelleiros socialistas, xa que tanto os edís do PP como os do BNG abstíñanse.

No apartado de rogos e preguntas eran moitos os asuntos sobre os que a oposición, tanto do PP como do BNG, lle preguntaba ao alcalde, algúns relativos á imaxe de abandono que dan algúns bancos rotos en puntos como o paseo fluvial do Malecón, a situación de limpeza das rúas do Barco e o coidado dos seus xardíns, a mellora da accesibilidade para os peóns en determinados puntos da vila, as condicións de seguridade nos fogos artificiais das festas ou sobre a problemática entre os veciños de Veigamuíños e unha empresa polo uso da auga.

Artigos relacionados

Back to top button