ConcellosO BarcoÚltima hora

O Barco pide que se recuperen as estruturas directivas no hospital con presenza de profesionais de medicina e enfermería

O pleno municipal aprobaba unha moción do BNG na que tamén se reprobaba a actuación da Xunta en relación ao acontecido na residencia de maiores da vila na pandemia

Cos votos a favor do partido socialista e do BNG saía adiante no pleno ordinario de xullo do Barco unha moción presentada polo edil desta última formación política, Suso Vilasánchez, para pedir que o Concello do Barco “manifeste a súa reprobación pola actuación da Xunta de Galicia en relación coa súa responsabilidade de velar pola atención e coidado das persoas residentes no centro “Nuestra Señora de Fátima”, cunha especial referencia á etapa da pandemia, momento no que foi intervida pola Xunta, segundo lembraba o edil.

Ademais a moción presentada por Vilasánchez pedía que o Concello do Barco solicite “á Consellería de Sanidade a recuperación de estruturas directivas nos Distritos Sanitario que aseguren a presenza de persoal médico e de enfermaría nas mesmas, así como a recuperación da obrigatoriedade da existencia da comisión clínica de infeccións e política antimicrobiana en todos os hospitais de distrito e que sexa esta comisión a que se encargue, de ser preciso, de designar as comisións ou comités de seguimento das pandemias que poidan xurdir a partir de agora”.

 

 

Na quenda de intervencións, o PP, a través do concelleiro Manuel Núñez, anunciaba o seu voto en contra “porque consideramos que a Xunta puxo en marcha os protocolos de actuación e medidas de prevención antes que outras zonas de España, foise pioneiros na creación de residencias integradas, entre elas a de Nosa Señora de Fátima e culminouse nun tempo récord a vacinación nas residencias. Os traballadores desta residencia co apoio da Xunta seguiron funcionando”.

 

 

O que si respaldaba a moción era o partido socialista, tal e como anunciaba o concelleiro de Sanidade, Orlando Saavedra. “Esta moción lévanos á responsabilidade política que hai detrás destas actuacións por incumprimento en materia de atención ás persoas maiores residentes en centros residencias”, dicía Saavedra, faltando ademais dunha “incompetencia inequívoca da Consellería de Sanidade e de Política Social do goberno da Xunta”. Tamén apuntaba ao que ten suposto para Valdeorras a perda da área sanitaria propia, coas súas “capacidades de resolución, recursos e capacidades de dirección a efectos de xestión directa e cercana”. A modificación da lei, pola que se perdeu esta área, engadía “cambiou as estruturas de organización técnicas dos centros sanitarios, o que afectou durante a pandemia á resolución e á toma de decisións”.

Nesta sesión plenaria o BNG presentaba outra moción do BNG pedindo que se presente o novo documento de inventario de patrimonio do Concello. Moción que era apoiada polos edís do PP, pero que non contaba co respaldo do grupo socialista, quen argumentaba que xa se está a traballar niso, co cal quedaba rexeitada.

Neste pleno tamén se aprobaban, entre outros puntos un suplemento de crédito por valor de máis de 3 millóns de euros e os festivos locais do Barco no 2023: o 22 de maio e o 16 de setembro.

 

Artigos relacionados

Back to top button