OurenseÚltima hora

O Caderno de debuxos inéditos do P. Sarmiento, “Peza do Mes” do Museo Arqueolóxico de Ourense

Esta lámina representa ao Santiago Cabaleiro da Catedral de Santiago, e forma parte do caderno inédito de debuxos do Padre Sarmiento./ Foto: Fernando del Río.

 

Constitúe unha “cara oculta e inédita da polimórfica obra” de Frei Martín Sarmiento, nacido en Vilafranda do Bierzo en 1695, na que “descubrimos a súa faceta artística”. Justo Carnicero Méndez-Aguirre alude deste xeito ao “Caderno de debuxos inéditos do P. Sarmiento” (1725-1755), escollido como “Peza do Mes” de marzo polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

O caderno, de forma apaisada (28×28 cm), está encadernado en rústica e con lombo de pel. Foi adquirido pola Comisión de Monumentos a comezos do século XX. Ten 76 láminas, das cales as 61 primeiras están numeradas.

No traballo publicado sobre esta singular peza, Justo Carnicero apunta que foi posiblemente o pai de Frei Martín Sarmiento quen lle ensinou “os rudimentos no deseño e no debuxo” e que estes debuxos “serán o complemento aos Cadernos, no que el denominou Peregrinacións propias. Todos os debuxos coinciden exactamente cos lugares por onde pasou o P. Sarmiento, nas súas tres viaxes a Galicia, 1725, 1745 e 1754-1755″.

Ademais Justo Carnicero matiza que este caderno era para “anotar os topónimos que ía atopando no percorrido e debuxar as inscricións antigas: romanas, suevas, góticas e galegas medievais. Será o complemento á correspondencia conservada, dirixida fundamentalmente ao seu irmán Francisco Javier e a outros eruditos contemporáneos. Podemos dicir, en termos arquitectónicos, que este conxunto de debuxos é a clave que pecha ese arco documental sarmientino”. Ademais estas ilustracións “convértense en vehículos de transmisión de coñecementos e actitudes, que amosan aspectos como a historia, a botánica ou a xeografía”, engade o investigador.

Descoñécense as orixes do caderno. “Cabe a posibilidade de que algún monxe que veu a Celanova o trouxese consigo dende o mosteiro de S. Martín de Madrid, xunto con outros manuscritos. Non debemos esquecer que, despois da Desamortización, o primeiro bibliotecario da Biblioteca Pública de Ourense foi o derradeiro abade de Celanova (…). Outra posibilidade apunta a Domínguez Fontenla, editor da Autobiografía do P. Sarmiento, quen recolleu papeis nunha casa reitoral onde habitou un monxe bieito exclaustrado”, indica Carnicero.

Artigos relacionados

Back to top button