CulturaCulturaÚltima hora

O Centro Cultural Avenida da Rúa, unha das salas galegas nas que poderá verse ‘O home e o can’

A estrea na Rúa deste filme rodado integramente en galego e en branco e negro será o venres 20 de outubro

 

O Centro Cultural Avenida da Rúa, acollerá desde o venres 20 de outubro a proxección da premiada película ‘O home e o can’, producida por Ézaro Films e dirixida por Ángel da Cruz.

O filme, rodado integramente en galego e en branco e negro, conta con Manuel Manquiña e Paula Chaves como protagonistas dunha historia que conectará cos espectadores de moitas maneiras, pero especialmente a través da súa volta ás nosas orixes, a esa Galicia rural cada vez máis despoblada, onde a soidade non elixida asolágao ás veces todo, e na que o contraste coa Galicia urbana é cada vez máis acusado.

 

 

“O personaxe -Manuel- é un home sinxelo, natural, que ten dificultade de expresión. Para acomodalo, tratei de simplificar a súa linguaxe ao máximo, buscando características físicas que eu identifico”, sinala o actor Manuel Manquiña. Más coñecido polo seu traballo noutro tipo de papeis, Manquiña afirma non obstante que se atopa “cómodo no drama”. Ao seu lado, no seu primeiro papel en cinema, Paula Chaves abandonou unhas semanas a súa faceta como música para poñerse na pel de Paula, unha nova perdida, envolvida nunha procura que parece inalcanzable, que será clave para Manuel, do mesmo xeito que el o será para ela.

“Non podemos estar máis satisfeitos coa traxectoria do proxecto porque antes de estrearse en salas xa se fixo con trece galardoes”, afirma o director, Ángel da Cruz. De la Cruz levaba moito tempo imaxinando esta historia, que bebe directamente das fontes do neorrealismo. “Quería facer unha homenaxe ao neorrealismo, volver mostrar realidade, sen adornos”. E, nese camiño cara á simplificación, cara ao cinema máis puro, o actor Manuel Manquiña estivo sempre na mente do director para interpretar a Manuel, o protagonista desta historia.

 

 

“Desde o primeiro momento, o personaxe de Manuel era Manquiña: non houbo máis opcións nin propostas, el é Manuel. Veremos a un Manquiña nun rexistro completamente diferente ao que nos ten afeitos”, asegura Ángel da Cruz.

A BSO da película, composta e interpretada polo pianista e compositor musical ourensán Jaime Fernández Garrido, consta de seis pezas que aparecen ao longo da película e que xa circula desde hai meses nas distintas plataformas musicais así como o videoclip do tema central do filme, ‘Tan, Tan’, composto pola cantautora Pauliña, a protagonista feminina. “Levan xa tempo circulando e están a funcionar realmente ben”, asegura Ángel da Cruz.

Artigos relacionados

Back to top button