SanidadeÚltima hora

O CHUO habilita unha sala de descanso para familiares de pacientes ingresados nas unidades de críticos

Esta área dispón dunha ampla sala de estar con mobiliario adaptado para o descanso, unha zona de aseos, ducha e taquillas para gardar as pertenzas dos coidadores dos pacientes ingresados

 

O servizo de Medicina Intensiva e a Unidade de reanimación do Hospital Universitario de Ourense dan un paso máis no proceso de humanización e mellora das súas instalacións xa que dispoñen dun novo espazo para permitir o descanso dos coidadores principais dos pacientes ingresados nestas unidades de críticos que teñan o seu domicilio afastado da cidade de Ourense.

“A creación desta nova área foi posible grazas a realización dunha ambiciosa obra de rehabilitación e adaptación estrutural de espazos no vestíbulo principal do cuarto andar do edificio Cristal que se atopa a medio camiño entre as dúas unidades de críticos o que facilita o acceso dos usuarios”, destacan dende a área sanitaria ourensán, indicando así mesmo que “a distribución de espazos da nova área permite dispor dunha sala de estar con luz directa ao exterior, decorada en cores cálidos que conta con sofás para o descanso, mesa, lámpadas, e unha zona de servizo acondicionada con neveira, microondas e mesado para utilizar polos usuarios da unidade. Ademais conta cunha zona de aseos, adaptados tamén para persoas con mobilidade reducida, zona de ducha e vestíbulo con cinco taquillas para gardar as pertenzas dos familiares que acompañen aos pacientes”.

Un ingreso hospitalario ten un impacto directo na vida dos pacientes, pero tamén un impacto relevante na vida das familias. A figura do coidador principal convértese en “fundamental nas unidades de enfermos críticos xa que a súa presenza resulta tranquilizadora e beneficiosa para o familiar ingresado e, se o estado do paciente o permite, poden permanecer varias horas durante o día ao seu lado. Resulta por tanto necesaria a habilitación de espazos amables e contornas humanizadas para o descanso físico e mental destes coidadores que nalgunhas ocasión pode supoñer unha experiencia difícil e angustiosa”, sinalan dende a área sanitaria.

 

 

Esta iniciativa de adaptación de novos espazos de humanización súmase ás xa incorporadas na estratexia corporativa na relación cos pacientes e de mellora continua das instalacións nos hospitais da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. Antes da súa posta en funcionamento, persoal sanitario das unidades de medicina intensiva e Reanimación visitaron as instalacións xunto aos representantes do Consello Asesor de Pacientes (Aodemper, Renacer, Afaor e Auria) e así poder valorar de primeira man as melloras acadadas.

Artigos relacionados

Back to top button