A RúaConcellosÚltima hora

O Concello da Rúa reclamará melloras na N-120 ao seu paso por Valdeorras

A moción presentada polo BNG era aprobada no Pleno extraordinario celebrado este luns

 

Se o Pleno ordinario de setembro do Concello da Rúa se caracterizaba pola discordia entre os diferentes grupos políticos, a sesión extraordinaria celebrada na tarde-noite deste luns 4 de outubro era todo o contrario, e malia os debates e algunha abstención, eran aprobados os os cinco puntos da orde do día, dous deles por unanimidade.

Trala aprobación da acta da sesión anterior, aprobábase cos votos a favor do PP e do RUA a conta xeral do exercicio 2020, ditaminada favorablemente pola Comisión de Facenda de data 30-08-2021, cun remanente de tesourería negativo de case 90.000 euros. BNG e PSOE xustificaron a súa abstención “porque entendemos que é imprescindible ter a conta aprobada para poder xestionar o Concello pero as cousas non se fan así”, dixo María G. Albert facendo fincapé en cifras que non lle cadran e detalles sorprendentes como o feito de aprobar os orzamentos antes que a conta. “Romperon a tendencia positiva dos últimos anos”, puntualizou Luis F. Gudiña. Ao respecto, o alcalde e voceiro do PP asegurou que se deben ter en conta os problemas administrativos que teiveron e que fixeron que se retrasara este trámite, destacando que malia os salto negativo “tivemos que asumir moitos gastos imprevistos no 2020”. O voceiro do RUA, José Vicente Solarat, pola súa banda asegurou que “o que hai é que felicitalos por ter aprovado cinco orzamentos e varias contas”.

 

 

A voceira do BNG, María G. Albert, presentando unha das mocións.

 

O seguinte punto na orde do día era a moción do BNG para reclamar melloras na N-120 ao seu paso por Valdeorras, que era aprobado cos votos a favor do PP, do RUA e do BNG. Na exposición de motivos, a nacionalista María G. Albert explicaba que “a día de hoxe, e ante os reiterados atrasos e  incumprimentos da A-76 entre Ponferrada e Ourense, a 120 segue a ser a principal vía de comunicación da comarca de Valdeorras e a súa estrada de máis alta capacidade. Moito máis tras o desmantelamento do sistema de transporte ferroviario levado a cabo polos sucesivos gobernos PP-PSOE. A paralela desaparición da área sanitaria de Valdeorras, hoxe convertida nun apéndice da área de Ourense, fai ademais que os desprazamentos á capital sexan cada vez máis abundantes para visitas médicas, administrativas polo que o uso desta estrada tense convertido en obrigado para boa parte da cidadanía da comarca”.

Por todo isto, propoñían que a corporación municipal do Concello da Rúa inste ao goberno central a realizar os investimentos e obras precisas para: levar a cabo unha mellora integral do firme da N-120 no tramo entre A Barosa e Ourense e nomeadamente na comarca de Valdeorras; facer os traballos precisos de limpeza de biomasa nos noiros da N-120, priorizando os núcleos habitados; facer un estudo pormenorizado dos principais puntos negros da estrada no referido aos choques con fauna salvaxe e realizar peches permietrais neses puntos para diminuír drasticamente o acceso de animais á N-120; executar sen demora o acceso á Rúa desde a N-120 que viña sendo orzamentado e non executado nos OXE desde vai case 10 anos; e destinar os fondos precisos dentro dos Orzamentos Xerais do Estado de 2022 para realizar todas estas actuacións.

Os dous concelleiros do PSdeG-PSOE abstíñanse, explicando que malia compartir a preocupación por ter unha vías de comunicación en boas condicións “os nosos compañeiros teñen feito accións no Congreso a este respecto grazas ao cal hai comprometidas xa varias melloras”.

 

 

A unanimidade chegaba na segunda moción presentada polo BNG, para que o Concello da Rúa inste á Xunta de Galiza a “modificar os horarios e frecuencias das liñas de autobuses A Gudiña-O Barco de Valdeorras, en ambos sentidos, para garantir a súa compatibilidade cos horarios do tren ALVIA A Gudiña-Madrid”, algo que de deixou de ser así en xullo cos cambios nos horarios impostos pola Xunta. “Agora se queres ir desde Valdeorras en tren a Madrid só poderás subir á Gudiña no bus que para na Rúa ás 5:50h e chega á Gudiña ás 6:45. O tren chega ás 8:24 horas polo que a espera será de 1:39 horas. A outra posibilidade é coller o autobús que sae da Rúa ás 9:45 horas e chega á Gudiña ás 10:30. Aquí o tren xa saíu ás 9:58 horas polo que podes gardar ao tren das 13:42 horas no que non se pode cualificar máis que de despropósito. O mesmo acontece ao regreso da capital do reino. Os trens da tarde chegan á Gudiña ás 17:40 e as 21 horas respectivamente mentres que o único autobús que sae da localidade cara Valdeorras faino ás 19 horas. E dobremente inútil o bus da mañá que arranca da localidade ás 7 horas mentres que os trens chegan ás 10:01 horas”, explicou a edil nacionalista.

O último punto da orde do día era a moción presentada polo PP para instar ao Goberno central a “poñer en marcha de maneira urxente medidas para rebaixar o prezo da luz”, que tamén era aprovado, incluíndo a enmenda do BNG de “baixar o IVE na factura eléctrica ao 4% e eliminación do imposto especial da electricidade”, incluíndo ademais outros puntos como garantir a subministración eléctrica a toda a poboación ou instaurar unha tarifa eléctrica galega.

Fotos: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button