ConcellosEn portadaO BarcoÚltima hora

O Concello do Barco consensuará a petición de zona castatrófica polo incendio con Rubiá e Carballeda

Así o anunciaba o seu alcalde nun pleno extraordinario no que se aprobaba solicitar esta declaración para ter acceso a axudas

 

A Corporación barquense reuníase ás nove da mañá deste mércores nun pleno extraordinario no que se aprobaba por unanimidade solicitar á Administración xeral do Estado a declaración da situación de zona afectada gravemente por unha emerxencia de Protección Civil de cara a poder pedir as axudas e medidas previstas para este tipo de casos na Lei 17/2015 de 9 de xuño “ante á catástrofe producida polo incendio forestal que asola á comarca de Valdeorras. Ademais no texto aprobado tamén se sinala que se tomarán os acordos precisos para solicitar que tanto a Xunta de Galicia como a Deputación de Ourense convoque unha liña de axudas para poder proceder á recuperacion desta zona.

O acordo era exposto polo portavoz municipal do partido socialista, Aurentino Alonso, quen iniciaba a súa intervención amosando a consternación do Concello ante o sucedido e amosando a súa solidariedade cos afectados, así como felicitando e agradecendo ás persoas que están participando nos labores de extinción do lume: dende o persoal do operativo e medios de extinción, pasando pola Garda Civil, Policía Nacional, Policía Autonómica, brigadas, bombeiros, agrupacións de voluntarios de Protección Civil e “dende logo o labor encomiable dos veciños cunha dedicación impresionante”. Tamén resaltaba que se trata “da máis grave situación de emerxencia medioambiental e persoal que se lembra e que puxo en risco colectivo á nosa comarca, ás persoas e aos bens. Os esforzos realizados non puideron evitar a catástrofe”.

Ademais Aurentino Alonso referíase aos cuantiosos danos causados polo incendio tanto en vivendas, como noutro tipo de construcións adxacentes, en instalacións eléctricas, de telecomunicacións, danos en pistas forestais, captacións de auga, explotacións gandeiras, establecementos industriais, “en bens tanto de titularidade privada como pública como alumeados ou subministros de auga”. E engadía que “para poder comezar a recuperación do noso concello e da nosa comarca é preciso que as distintas administracións poñan en marcha unha serie de accións”, alundido á solicitude de declaración de zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil.

 

O voceiro do BNG no Barco, Suso Vilasánchez.

 

Na quenda de intervencións, o voceiro municipal do BNG, Suso Vilasánchez, expresaba o seu apoio ao acordo exposto e tamén manifestaba a conveniencia de reflexionar sobre os negativos comentarios nas redes sociais sobre as visitas realizadas a Valdeorras por parte de representantes políticos de “primeiro nivel, que viñeron a sensibilizarse co territorio e ver en persoa o que estaba sucedendo, hai que agradecerlles a súa visita”.

Pola súa banda, o portavoz de Riada Cidadá, Félix García, tamén apoiaba o acordo, pero comentaba que “se debería ter feito antes unha declaración institucional e ter consensuado este acordo cos outros dous concellos afectados, Carballeda de Valdeorras e Rubiá, que seguramente serían receptivos, e mesmo con outros da comarca que desta vez non se viron afectados pero que si o estiveron noutras ocasións”. Finalmente, referíase á importancia de establecer medidas preventivas para evitar que acontezan feitos deste tipo “e consensuar isto tamén co resto de municipios de Valdeorras”. Tamén aseguraba que, aínda que de carácter menor, o Concello do Barco “tamén ten responsabilidades no lume que ten que asumir, sempre falta algo por facer por parte do Concello, hai que seguir insistindo nos labores de limpeza, e se é necesario con multas porque é moi duro que che arda a casa porque a parcela do lado está sen limpar”. Tamén recoñecía o labor do persoal de extinción e “o encomiable traballo dos veciños defendendo o seu e o dos seus colidantes”.

 

O concelleiro de Riada Cidadá, Félix García.

 

De xeito similar se manifestaba o concelleiro do PP no Barco, Carlos Javier Crespo, resaltando o esforzo veciñal cos seus propios medios, e amosando a súa solidariedade aos afectados polo incendio. “Non é o momento de pedir responsabilidades, senón de traballar conxuntamente” e sinalaba “deficiencias no labores previos de prevención”. Ademais pedía coñecer a postura dos outros dous concellos afectados polo lume “para ver se comparten esta solicitude. Esta é unha desgraza que non se pode volver a repetir”, concluía.

 

Intervención do concelleiro do PP, Carlos Javier Crespo.

 

En resposta ás tres intervencións, o alcalde do Barco, Alfredo García, explicaba que os responsables políticos se volcaron co incendio de Valdeorras, traballando e estando aquí os días do incendio coordinando os labores de extinción, e tamén aseguraba que o acordo tomado hoxe no Barco para pedir a declaración de zona catastrófica se vai consensuar cos Concellos de Rubiá e de Carballeda de Valdeorras. “Onte ás 13:30h. tivemos unha reunión xa na Casa Grande na que se falou deste tema e en canto remate o pleno o acordo aprobado váiselles remitir para que eles poder presentar ese mesmo documento, para que os tres pidamos o mesmo. Vai haber unha colaboración neste sentido”, dicía o rexedor barquense.

 

O alcalde do Barco, Alfredo García, durante o pleno.

Artigos relacionados

Back to top button