EconomíaEconomíaÚltima hora

O deseñador trivés Adolfo Domínguez, Premio Ourensanía 2023

Adolfo Domínguez nunha imaxe de arquivo.

 

O xurado do Premio Ourensanía 2023, reunido hoxe no Pazo Provincial, acordou conceder o galardón da presente edición ao deseñador de moda Adolfo Domínguez, tras analizar diferentes candidaturas, seleccionando a proposta do modisto trivés “como recoñecemento á súa traxectoria profesional” situando a Ourense no mundo da moda, pero tamén a súa faceta como “home de cultura”, pola súa dedicación á literatura”.

O xurado, baixo a presidencia de Luis Menor, estivo integrado por Patricia Torres, Maribel Outeiriño, Miguel Anxo Fernández, Luis González Tosar, Eva Torres, Marisol Novoa, Afonso Vázquez Monxardín e Aurelio Gómez Villar como secretario, delegando o seu voto por ausencia Manuel Guede.

 

Reunión do Xurado do Premio Ourensanía 2023.

 

Na mesma reunión, o xurado acordou conceder o Premio Ourensanía de Honra de 2023 a Xosé Ramón Fernández-Oxea, tamén coñecido como Ben-Cho-Shey (Ourense, 1896), escritor, mestre e investigador, ao redor de cuxa figura a Deputación de Ourense organizará actos e actividades ao longo do próximo ano.

A Deputación de Ourense concede o Premio Ourensanía 2023 como recoñecemento honorífico a aqueles ourensáns ou persoas vinculadas á provincia de Ourense que teñen destacado nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais. E con este Adolfo Domínguez, suma un novo galardón á súa colección (Premio Nacional de Moda do Ministerio de Cultura, 2019; Aguja de Oro do Ministerio de Cultura, 1997; Lifetime Achievement da Miami Fashion Week,… entre outros), sendo o modisto galego máis premiado.

 

O xurado do Premio Ourensanía presidido polo presidente Provincial, Luis Menor.

 

Empresario, intelectual, modisto e escritor, dedicou a súa vida profesional a desenvolver, desde Galicia, un grupo empresarial de moda con proxección internacional. A súa firma dispón hoxe do 59% dos seus 345 puntos de venda en 22 países e emprega a máis de 1.000 profesionais, na súa maioría nos servizos centrais de San Cibrao das Viñas (Ourense).

Baixo a súa dirección, a compañía foi a primeira empresa de moda española en abrir tendas fóra de España (1980), a primeira en lanzar un perfume propio (1990) e tamén pioneira e decana en Bolsa (cotiza desde 1997). Tras propiciar a substitución xeracional cara ás súas tres fillas, na actualidade apoia desde o consello de administración a transformación da compañía cara a unha nova era, liderada pola súa filla maior, Adriana Domínguez, como presidenta executiva da compañía.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button