CulturaCulturaÚltima hora

O Festival Internacional de Curtas de Verín estrea imaxe corporativa e adianta contidos da nova edición

 

O Festival Internacional de Curtas (FIC) Vía XIV de Verín está de estrea. A directiva do certame daba a coñecer hoxe a nova imaxe corporativa do festival que substitúe á que se viña empregando dende o ano 2016, data na que xurdiu a iniciativa. “Esta renovación persegue modernizar e adaptar a imaxe de marca ao tempo presente” e por iso aposta “por unha liña de deseño tremendamente actual, cunha composición tipográfica simétrica que transfire maior dinamismo”, sinalaba Jorge Godás, director de Creatividade e Multimedia do FIC, durante a presentación da nova identidade gráfica, un traballo que foi realizado pola axencia de comunicación coruñesa The Office.

Godás, que estaba acompañado polo director do certame, Carlos Montero, e Álex Nieves, director de Produción, aseguraba que esta nova identidade gráfica “conceptualiza á perfección os eixos temáticos que inspiraron e seguen a rexer a programación do FIC: Entroido, fronteira e a emigración”, e á vez “transmite a nova filosofía que dende a organización se lle quere imprimir á iniciativa, coma un espazo cultural con vocación de permanencia e continuidade ao longo do ano”.

É dicir, trátase de expresar graficamente o obxectivo da Asociación Cultural Vía XIV por facer do FIC un verdadeiro contedor cultural que programe actividades relacionadas co audiovisual en Verín en diferentes meses do ano, máis aló da súa semana grande propiamente dita.

“Plantexamos nesta presentación a renovación da imaxe visual cunha nova adaptación do seu logotipo, simplificando elementos e actualizando conceptos, facendo unha versión máis dinámica e moderna que manteña toda a esencia e vinculación cos puntos claves do Festival”, concluía Godás.

 

 

Aplicación en diferentes soportes

A nova identidade gráfica do certame vai ser aplicada dende xa en todas as súas canles de comunicación e soportes documentais, dende a páxina web e as redes sociais ata os pés dos enderezos electrónicos oficiais, pasando pola creación de merchandising específico que axude a visibilizala.

O festival, que este ano acada a súa oitava edición, nacía como unha homenaxe dun grupo de homes e mulleres de Verín interesados en dinamizar culturalmente a comarca a través do audiovisual. Hoxe por hoxe, trátase dunha iniciativa que está plenamente asentada na axenda anual de ocio e lecer da vila.

Na súa concepción orixinal, o FIC Vía XIV quixo homenaxear á vía romana que lle dá nome, que atravesa o val do Támega e que foi empregada como un elemento vertebrador de transmisión da cultura e da civilización ao longo da Historia. Dende a organización do FIC quixo recollerse este legado creando un certame audiovisual, de vocación internacional, cuxas categorías temáticas iniciais tiñan que ver con tres eixos definitorios da idiosincrasia do sur de Ourense como son os conceptos de Entroido, fronteira e emigración.

A estes conceptos uniuse co tempo unha categoría denominada Nova, na que se puidesen proxectar curtas que explorasen tendencias e formas actualizadas de expresión cinematográfica. A miúdo, curtas alonxadas das convencións narrativas e visuais do cinema comercial, que procuran innovar en termos de estilo, estrutura ou contido.

Unha nova categoría para os máis pequenos

Finalmente, este ano o equipo directivo adoptou a decisión de implantar unha nova categoría dentro do FIC, con programación específica para os espectadores en idade escolar. Trátase da categoría infantil e establécese como resposta ao grande interese e ampla aceptación das actividades paralelas para os cativos e cativas que dende a organización do certame se impulsaron en anos anteriores.

A vindeira edición do festival vaise celebrar no Auditorio de Verín entre o 8 e o 17 de setembro deste ano e, na actualidade, os interesados en remitir as súas curtas a concurso xa poden facelo seguindo as directrices marcadas nas bases do certame e publicadas na web ficviaxiv.com.

Artigos relacionados

Back to top button