En portadaOurenseÚltima hora

O modisto Adolfo Domínguez recolle o Premio Ourensanía 2023 lembrando a súa infancia “nos altos de Trives”

Recibía o galardón nun acto celebrado no Teatro Principal, de mans do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e do presidente da Deputación, Luis Menor

 

Na tarde deste venres 10 de novembro o deseñador trivés Adolfo Domínguez recibía o Premio Ourensanía 2023 no no Teatro Principal no transcurso dun renovado acto que incluía cambio de data, un día antes da celebración do San Martiño como patrón de Ourense; unha nova escenografía; e a presentación do acto por parte do que fora modelo de Adolfo Domínguez, o xornalista e escritor Moncho Conde Corbal.

Ante unha numerosa representación de autoridades, cargos institucionais, o xurado do premio, membros da súa empresa e familiares, así como representantes das Terras de Trives (a alcaldeda de membros da corporación de Trives e o alcalde de San Xoán de Río), Domínguez collía o galardóon de mans do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e do presidente da Deputación, Luis Menor. Unha distinción, dixo o titular do Goberno provincial, “merecida, pero tamén debida”, poñendo a Domínguez como exemplo de “xentes indómitas, laboriosas e ateigadas de sonos”.

 

 

Para Luis Menor, “o premiado semella ser a definición da Ourensanía”, destacando que hai traxectorias “que non se poden facer nunhas cantas liñas dun currulum vítae, pero si explicar falando do que supuxo que Adolfo Domínguez “Pai” decidira vir á capital desde Pobra de Trives e fundar El Faro, lanzar un dos lemas máis coñecidos a nivel nacional e internacional como ‘la arruga es bella’, ou propiciar un relevo xeracional para facilitar a transformación modélica da súa compañía”.

Facendo alusión a experiencias persoais cando era mozo (daba clases particulares a membros da familia Domínguez) o presidente da Deputación utilizou un símil do mundo da moda para afirmar que “Adolfo coseu a provincia, remendou a falta de oportunidades daquel territorio de principios dos 80 e deseñou un camiño de futuro para moitas persoas que se viron atraídas pola moda e o deseño”. Subliñou tamén a importancia que ten para un territorio “contar con persoas con sonos, iniciativa e moitas doses de valentía”, medrando baixo a máxima da sinxeleza e crecendo tanto como para afianzar a a súa compañía como unha das grandes empresas de Ourense.

Cunha mención expresa á súa faceta como escritor e home de cultura, Luis Menor recoñeceu a capacidade do galardoado á hora de “crear un espazo de renome para Ourense no mundo e na moda, adiantándose ao concepto máis universal da Ourensanía”.

 

Adolfo Domínguez durante a súa intervención.

 

Nunha intervención moi persoal e co ton intimista e pausado que o caracteriza Adolfo Domínguez comezou a súa intervención lembrando a súa infancia “nos altos de Trives”, cando ían á escola cunha lata de sardiñas chea de brasas “para poñer os pes encima e quentalos polas abondosas nevaradas, pero había unha luz deslumbrante e o verán chegaba sempre”. O modisto recoñeceu o seu gusto pola paisaxe e a néboa “sobre todo na parte oriental da provincia, a máis despoboada e fermosa, como o pobo do meu pai, Cernado”, aínda que tamén tivo palabras para destacar outros recunchos como a catedral de Ourense, o Liceo ou o casco histórico e mesmo “o ensanche de principios do século pasado”.

Lembrou os domingos cando “levábannos ao Pozo do Lameiro no Bibei xunto á miña irmá Ada á que andaba pegado como unha lapa”. Con todo, Adolfo Domínguez amosou a súa paixón pola natureza “que o arranxa todo”, dixo, preguntándose “por que non facemos de Ourense unha cidade das flores, con balcóns cheos de plantas, que estaba na nosa tradición, a miña nai e avoa facíano. Deixemos as luces de neón a Vigo”.

Tampouco esqueceu aos seus pais, comerciantes e industriais, nin á súa avoa “que cultivaba liño no soutiño do Rei e recíao sendo quizais a avoa da ‘arruga es bella’. Os tres ensináronnos o oficio”, remataba.

 

O presidente da Deputación, Luis Menor.

 

Pola súa banda, Alfonso Rueda, que asistía acompañado pola conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, e do conselleiro do Medio Rural, José González, sinalou que “hoxe Ourense recoñece á moda en sí mesma. Falar de Adolfo é falar dun artista, recoñecido na súa terra, por todo o que representa na historia da moda e na historia da creatividade”. Ademáis, o presidente autonómico abundou “na feliz asociación entre Galicia e moda, que vén da man de persoas como Adolfo Domínguez, coa súa persoalidade polifacética, saíndo ao mundo sen esquecer de onde ven. A súa é unha historia de fermosura ao longo do tempo, sabendo reinventarse, sempre desde o amor á terra, con intelixencia e liberdade”.

Adolfo Domínguez recibía o galardón (unha peza deseñada polo escultor Xosé Cid), xunto coa acta enmarcada co fallo do xurado, onde se sinala que se lle concede este premio de xeito unánime “por unha traxectoria profesional de primeiro nivel tanto no ámbito nacional, como no internacional, sendo un dos máis grandes deseñadores que deu este país”.

 

Paco Gómez e Anxo Trives.

 

O grupo galego Terrae foi o encargado da parte musical, con senllas interpretacións do seu marcado estilo no que mesturan a natureza e mailo ser humano, rematando o acto coa interpretación do himno galego por parte da Real Banda de Gaitas da Deputación, seguida dunha petiscada elaborada polos cociñeiros Anxo Trives e Paco Gómez.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button