CulturaCulturaÚltima hora

O Museo do Pobo Galego acolle ata finais de ano a mostra “Francisco Fernández del Riego. Cos ollos do seu espírito”

 

No mediodía do 17 de novembro inaugurábase no Museo do Pobo Galego a exposición Francisco Fernández del Riego. Cos ollos do seu espírito, impulsada pola Xunta de Galicia e producida pola Editorial Galaxia coa colaboración da Fundación Penzol e a Real Academia Galega (RAG) para dar a coñecer a figura do homenaxeado nas Letras Galegas 2023, casado coa valdeorresa Evelina Hervella.

Neste acto o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, recordaba que as Letras Galegas “non se limitan a celebrar un único día, senón que durante todo este ano recordamos a Fernández del Riego e todo o seu traballo a prol da lingua e cultura galegas”. Ademais, engadía que “desde o Goberno galego aínda non remataron as celebracións arredor de don Paco pois, como é habitual, o broche final a todo un ano de homenaxes porao a presentación do Caderno Ramón Piñeiro dedicado á súa figura”.

No Museo do Pobo Galego, que acollerá ata finais de ano esta exposición itinerante na que será a súa última parada, tamén participaron Malós Cabrera, co-comisaria da exposición e vicepresidenta segunda da Fundación Penzol; Xesús Domínguez, director de Produción de Editorial Galaxia; Francisco Fernández Rei, membro numerario da Real Academia Galega (que asistía en representación do presidente da institución); Concha Losada, presidenta do dito museo, e as sobriñas e sobriño de Fernández del Riego.

“Don Paco, entregou o mellor da súa vida á causa da nación galega e, sobre todo, á dignificación e á normalización da lingua e da cultura galega”, dicía o académico Francisco Fernández Rei durante este acto inaugural. Deseguido, lembraba que este autor, “no proloquio do seu libro O río do tempo. Unha historia vivida, declaraba que el e a xente da súa xeración facía moito fincapé na problemática da lingua porque entendía que era o sangue avivecente do corpo espiritual do país, que non podían renunciar a ela, porque sería renunciar a ser o que somos como pobo; e engadía: O idioma propio viña constituír un certificado de identidade. Un certificado que lle permitía a Galicia desenvolverse na vida sobre a base peculiarizada que a distingue. Con 84 anos, xa case no final do seu camiño longo, ofreceu un último gran servizo á causa de Galicia e da lingua, ó aceptar a presidencia da Real Academia Galega”.

Neste senso, Fernández Rei lembraba que na presidencia de Francisco Fernández del Riego poñíanse os “alicerces do que é socialmente a actual institución”. Así, en primeiro lugar, “abríronse portas e fiestras á sociedade, e comezou a dixitalización do valiosísimo arquivo da institución”. Ademais, “fíxose a reforma dos Estatutos, case centenarios, pois eran os da época de Murguía, o seu primeiro presidente e reformouse o anticuado regulamento de réxime interno. Con estas reformas, a presidencia deixou de ser vitalicia (elección para un período de catro anos e posible reelección) e eliminouse o voto delegado, que tanto poder lle daba á presidencia vitalicia. Aumentouse de 25 a 30 o número de académicos, polo que puideron entrar na Academia clásicos vivos da literatura galega, entre outros, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xohana Torres, Neira Vilas e Manuel María, que incomprensiblemente nunca foran propostos para o seu ingreso”.

 

Autoridades presentes no acto inaugural da exposición./ Foto: Sandra Alonso.

 

Ademais, “coa súa auctoritas, D. Paco logrou que lesen o discurso de ingresos académicos elixidos había uns 20 anos (Xosé Luís Franco Grande, Xaime Isla Couto ou Andrés Fernández-Albalat Lois) e outros que xa levaban un bo quiñón de anos nomeados (Ramén Lorenzo ou Antón Santamarina)”, engadía. “Tiven a inmensa fortuna de ser académico numeario durante case toda a súa presidencia, polo que puiden vivir a transformación radical operada na RAG grazas ó impulso de Don Paco que, mutatis mutandis, exerceu un papel semellante ó do cardeal Angelo Roncalli (Papa Xoán XXIII) no seo da Igrexa católica. Este papa de transición, case octoxenario, revolucionou totalmente a Igrexa co Concilio Vaticano II que promoveu, e que trouxo unha liturxia máis sinxela e máis achegada á xente, así coma un novo ecumenismo”, resaltaba Francisco Fernández Rei. “Para min”, concluía, “foi un gran pracer estar hoxe en representación da Real Academia Galega nun acto en honra de Don Paco, que deixou dito que fixo o que pensaba facer, pero sempre con relativa prudencia e xenerosidade. Eu diría que todo o fixo con infinita xenerosidade, movido sempre por un inmenso amor a Galicia e á tan arelada Patria da Lingua”.

Esta exposición enmárcase na programación de máis dun centenar de accións que o Goberno galego, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e a CRTVG, en colaboración con numerosas empresas, entidades, administracións locais e editoriais, impulsan durante todo o ano para celebrar o 60 aniversario das Letras Galegas e homenaxear a Francisco Fernández del Riego.

Repaso pola vida e obra do autor

Francisco Fernández del Riego. Cos ollos do seu espírito repasa a traxectoria vital e profesional do autor homenaxeado, permitíndolle ao visitante asistir a un percorrido rigoroso e ameno para comprender quen foi, que legado nos deixou e o que implica a súa figura no proceso de consolidación do galego e da súa cultura nos tempos recentes.

A mostra, comisariada por Malós Cabrera e Malores Villanueva, consta de 14 paneis informativos e didácticos e mesas-vitrina con material gráfico e documental pertencente a Fernández del Riego.

Artigos relacionados

Back to top button