CulturaCulturaÚltima hora

O pasado, presente e futuro dos montes comunais, a estudo nun encontro en Casaio (Carballeda de Valdeorras)

Está organizado polo Consello da Cultura Galega e terá lugar do 30 de abril nas antigas escolas desta localidade

Imaxe que aparece no programa desta xornada do Consello da Cultura Galega.

 

Constitúen unha parte esencial e moi particular da paisaxe galega e o noroeste peninsular. Máis de 700.000 hectáras, a cuarta parte do territorio galego, corresponden aos espazos de xestión comunal, xestionados por máis de 2.800 comunidades de montes, segundo os datos do proxecto Life In Common Land. E nos chamados montes veciñais en man común pon o foco un encontro monográfico co patrimonio cultural promovido polo Consello da Cultura Galega e que se celebrará o 30 de abril en nas antigas escolas de Casaio (Carballeda de Valdeorras).

Leva por título “A materialidade dos espazos comunais: pasado, presente e futuro das comunidades rurais do noroeste peninsular” e tres son os seus obxectivos. Por unha banda, “reivindicar a longa historia dos espazos de xestión comunal e as novas metodoloxías que permiten unha achega complexa a estes procesos”, ademais de “entender e debater sobre o seu papel actual para a configuración das comunidades rurais e os conflitos que xeran hoxe en día; así como reflexionar colectivamente sobre o papel que están chamados a desempeñar no futuro, e, finalmente, devolver o coñecemento ás propias comunidades establecendo un diálogo con elas que nos permita fortalecelas de cara ao seu futuro”.

Os promotores da xornada aseguran que “a longa historia dos espazos comunais é, entón, un elemento crucial para a configuración das comunidades rurais tanto no pasado como no presente, así como obxecto de disputa continuada ao longo do tempo. Isto explica o interese crecente para estudalos dende a academia, xa dende os traballos de E. Ostrom nos anos noventa, que iniciaron un auténtico boom de estudos e aproximacións aos espazos comunais. Deste xeito, novas propostas metodolóxicas, como o estudo arqueolóxico ou etnográfico, están revelando a súa antigüidade e a súa complexidade, con fortes repercusións ata a actualidade”.

O encontro contará coa participación de Ana Cabana Iglesia (Universidade de Santiago de Compostela); Jesús Albarrán Deza (Iniciativa Comunales, Plataforma en Defensa de las Juntas Vecinales de Omaña); David Fontán Bestilleiro (Universidade de Santiago de Compostela); Lara Barros Alfaro (Proxecto Mulime); Carlos Tejerizo García (Universidad de Salamanca); Pablo López Gómez (Universidad de Oviedo).

Na sesión da tarde terá lugar unha visita a espazos de xestión comunal na zona de Casaio: Sobredo (alvarizas), Campo Romo e Pena Trevinca. Este encontro, promovido polo Consello da Cultura Galega a través da súa Sección de Patrimonio e Bens Culturais, conta coa colaboración da Comunidade de Montes de Casaio e Lardeira e de Sputnik Labrego.

Artigos relacionados

Back to top button