EconomíaEconomíaÚltima hora

O potencial dos entornos termais, unha oportunidade de futuro socioeconómico

Así se destacaba no Congreso internacional de termalismo que se desenvolvía en Lobios do 17 ao 18 de setembro

Un cento de persoas, entre ponentes e asistentes, de ata 17 países asistían os días 17 e 18 de setembro ao “Congreso Internacional de Termalismo 2021-2027: dinamización dos teritorios e reto demográfico” que se celebraba en Lobios.

Neste foro poñíase o foco na relevancia do valor social do sector termal e do seu entorno e nas súas conclusións resaltábase “o gran potencial do que dispón o territorio onde se ubica o proxecto Raia Termal, unha zona moi rica en surxencias termais, natureza, patrimonio, cultura e gastronomía”, segundo a organización. Tamén se plantexaba a necesidade de xerar emprego e asegurar futuro e vida, para fixar poboación e dar estabilidade real ás pequenas poboacións.

A ponencia final deste foro desenvolvíaa a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) a través do director do proxecto Raia Termal, Manuel G. Sarria, quen concluía que a estreita colaboración e sintonía entre os socios (Deputación de Ourense, as Cámaras de Melgaço e Terras de Bouro, a CHMS) foi a clave para conseguir o obxectivo de mellorar os entornos termais e potenciar o termalismo “como oportunidade de futuro socio-económico que contribuirá a dar estabilidade económica e familiar aos novos habitantes que se asenten no rural”.

No acto de clausura, o 18 de setembro, estaban presentes o vicepresidente primeiro da Deputación de Ourense, o presidente da CHMS e a directora de Turismo de Galicia, ademais dos alcaldes de Lobios, Bande e Cortegada, e o presidente da Cámara de Melgaço, entre outras autoridades.

O vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, comentaba que este congreso “fíxonos reflexionar sobre a contribución do sector termal á economía e agora, dende as Administracións, imos actuar en consecuencia”. Pola súa banda, José Antonio Quiroga, presidente da confederación, indicaba que os “fondos europeos de cooperación transfronteiriza son fontes de financiamento necesarias para avanzar cara entornos máis atractivos que complementen a gran oferta termal da que xa dispoñemos”.

Ademais, dende a Axencia Galega de Turismo, Nava Castro, aseguraba que “a natureza doutou á nosa rexión dunha base termal moi atractiva e as distintas Administrcións debemos estar atentas ás demandas do usuario e tamén do sector”.

Artigos relacionados

Back to top button