ConcellosÚltima hora

O Consorcio de Augas de Valdeorras aproba un orzamento de 1,7 millóns de euros

Esta reunión estivo presidida pola presidente da Deputación, Luis Menor, que deste xeito abre unha intensa axenda de actos neste luns 11 de decembro na comarca

 

A sede provisoria da Deputación de Ourense en Valdeorras, situada na Casa Grande de Viloira (O Barco), acollía ás once desta mañá unha reunión do Consorcio de Augas de Valdeorras, presidida polo presidente provincial, Luis Menor. No encontro estaban boa parte dos alcaldes dos 9 municipios pertencentes a entidade (Rubiá, Vilamartín, A Rúa, Petín, Larouco, O Bolo, A Veiga, Carballeda e O Barco), algúns presencialmente ou representados, mentres que outros asistían de forma telemática.

O Pleno do Consorcio de Augas de Valdeorras aprobaba un orzamento de 1,7 millóns de euros para o ano 2024, ademais da actualización das tarifas para cumprir co establecido na lei pola prestación dos tres servizos incluídos no ciclo integral da auga: abastecemento, rede de sumidoiros e depuración.

Polo que respecta á revisión das taxas pola prestación dos servizos, o consorcio acordou dúas actualizacións. A primeira delas corresponde a abastecemento e rede de sumidoiros, servizos que esencialmente só se prestan no concello do Barco. Neste caso, as tarifas permanecían sen cambios desde o ano 2012, momento no que comezou a traballar o consorcio en substitución da concesionaria.

Transcorridos once anos e tendo en conta que normativa vixente obriga a equilibrar o custo dos servizos e taxas, a actualización das tarifas suporá para o 92 % dos abonados, que son de tipo doméstico, unha suba que apenas alcanzará os 3 euros cada tres meses.

No tocante ao servizo de depuración, prestado nos nove municipios do consorcio, a revisión das tarifas, que non experimentaron cambios nos últimos tres anos, teñen en conta tamén o impacto dos custos enerxéticos na xestión e tratamento das augas residuais. Así, a actualización proposta significará apenas 2 euros máis no recibo trimestral para a inmensa maioría de abonados.

Na revisión de todas as tarifas tamén se tivo en conta a entrada en vigor, en 2023, de toda una serie de normativas que aumentan as análises e os parámetros que se deben alcanzar nas augas para conseguir una determinada calidade.

Artigos relacionados

Back to top button