ConcellosO BarcoÚltima hora

O proxecto “Hartas”, que aposta por darlle visibilidade ás mulleres artistas, no Barco

Presentábase nun acto celebrado este 8 de agosto na Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán

 

“Os homes sempre falaron por boca das mulleres porque elas non podían estudar, moitas non podían ir ao colexio, outras educábanse na casa. E, no caso das mulleres que querían ser artistas a situación era moito peor porque non as deixaban ir á academia, nin aprender debuxo e todas as que ides ver aquí puideron pensar polos seus propios medios para conseguir o que querían e entrar no mundo artístico. Paga a pena reivindicar a todas estas mulleres artistas”. Así comezaba Antònia Torelló Torréns, licenciada en Historia da Arte, esta tarde na Biblioteca do Barco a presentación dun proxecto que aposta por dar visibilidade e un espazo de seu as mulleres artistas, xa dende os primeiros trazos realizados sobre a rocha nas pinturas rupestres.

Este proxecto plasmábase en dous libros. Primeiro foi con “Hartas” e logo con “Muy Hartas”. Ambos presentábanse neste 8 de agosto no Barco da man da súa autora e tamén de David García Vicancos, que se encargaba de retratar a esas mulleres en forma de caricatura e describía como “un reto” este proxecto, no que traballou “de forma sinxela, visual e cun toque de humor” as súas caricaturas. Ambos eran presentados polo valdeorrés Javier Gómez, que se encarga da maquetación e estruturación destes libros.

 

 

“Temos que agardar ata o século X para atopar á primeira muller artista que asina co seu propio nome un traballo, Ende. Era unha monxa que estivo en varios mosteiros, as cores son moi diferentes ás dos homes a súa forma de pintar moi detallista”, comentaba Torelló. “Despois viñeron moitas máis, a Idade Media parece unha época moi escura pero con moitas mulleres traballando, algunhas miniaturistas,
tamén hai mulleres que participan na construción de catedrais, de feito, un terzo dos traballadores da catedral de León eran mulleres, escultoras e traballadoras”.

Ao longo da súa intervención, Torelló facía unha escolma das mulleres incluídas nos libros e, entre as que resaltaba, estaba a italiana Artemisia Lomi Gentileschi cuxa obra mudou “a representación da mulleres, pintaba mulleres fortes, que se sacrificaron e vai ser capaz de darlle a volta a como se vía ás mulleres dentro das pinturas”.

Este proxecto xera un diálogo entre a Historia da Arte e a caricatura, dándolle visibilidade a estas creadoras femininas.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button