
Destacado resultado do valdeorrés Adrián Prada Pérez no seu primeiro mundial na categoría Sub23. Este padexeiro vén de representar a España no Campionato do Mundo de Maratón que se está a disputar en Bascow/Pitesti (Romanía). Nesta xornada tomaba a saída na categoría Sub23 nunha igualada competición. A medalla de bronce decidíase nun loitado sprint entre cinco kaiakistas, un deles Adrián Prada, que finalmente, lograba nun meritorio sétimo posto, sendo o segundo español da proba.
Así o piragüista valdeorrés completaba a competición cun tempo de 1:52:57.06, sendo o ganador o danés Nikolai Thomsen (1:50:52.54). O mellor resultado español viña da man de Joaquín Iglesias, amigo e compañeiro de club de Adrián Prada no Piragüismo Verducido-Pontillón, cun quinto posto e un tempo de 1:52.54.40.
Nesta proba tomaban a saída ata 22 padexeiros de diferentes países.
