CulturaCulturaEn portadaEntroido 2024Última hora

O vianés Carlos X. Ares presenta un novo libro adicado aos animais do Entroido galego

Leva por título "O animalario do Entroido galego. Mito e tradición" e a súa presentación está prevista para o 31 de xaneiro en Ourense

 

O investigador social vianés Carlos Ares./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Nas representacións animais do Entroido nas catro provincias galegas centra o seu novo libro o investigador vianés Carlos Xabier Ares Pérez. Ao longo de 170 páxinas, percorre ata 17 figuras animais vinculadas a esta celebración, comezando polo Boi, seguindo polo burro e o cabalo, pasando ademais polo galo, a mula e o oso, entre outros, ata rematar vaca. Todos eles son estudados polo miúdo como elementos individuais e tamén como membros dos colectivos dos que forman parte. Este volume, que leva por título O animalario do Entroido galego. Mito e tradición (Ab Origine, 2024), presentarse o vindeiro 31 de xaneiro ás 19:30h. na Librería Eixo de Ourense.

“Estudando a festa e todo o seu inmenso elenco de actores, observei que en moitos lugares da comunidade galega os animais ocupan unha parte moi importante en canto ao número, feito polo que cabía preguntarse cal é o motivo desta presenza tan masiva. A resposta funa atopando ao ilos clasificando en función dos seus significados e os motivos polos que están presentes. Indo cara atrás no tempo, un pode atopar nexos de unión en canto ao seu papel, tomando como referencia a mitoloxía, a historia, gravados rupestres e como non, as lendas e contos que nos chegaron a través da tradición oral, recollidos en diferentes partes do mundo, posto que o entroido é unha festa global. Todo isto plantéxoo mediante hipóteses que vou evidenciando, ata dar cos que para min son os motivos que xustifican a presenza de todos estos animais”, explica Carlos Xabier Ares.

 

No libro tamén pode comprobarse como, en xeral, “a provincia de Ourense é a máis rica en canto ao número de representacións animais e de máscaras que aparecen no Entroido, posto que en case cada aldea se celebra ou celebrou esta festa. O oriente ourensán acubilla moitos dos animais que en xeral temos en toda Galicia, aparecendo numerosos tipos de bois no concello de A Veiga; carneiros, ovellas, osos e touros nas aldeas de O Bolo; porcos, mulas e galos en Viana; touros e burros pola Gudiña; touros tamén en Vilariño de Conso; vacas, touros e incluso un minotauro por Valdeorras e xa no macizo central osos, mulas e bois. A todos estos hai que engadir a sardiña como fin de festa. En definitiva, no oriente temos animais que teñen que ver co ciclo da terra (agricultura), coa gandeiría e co renacer do tempo como os osos que anuncian a fin da invernía, sendo a singularidade máis representativa a presenza do gando vacún, superior en número ao resto dos lugares de Galicia”, asegura este investigador vianés.

O libro ábrese cun limiar de Ana Durán Penabad, secretaria da Sociedade Antropolóxica Galega, e inclúe tamén referencias históricas, tradicionais e mitolóxicas, ademais de abordar os elementos animais nas máscaras e achegar un bestiarium.

O autor

Carlos X. Ares é graduado social, investigador social, escritor e está formado en Antropoloxía Social e Cultural, Etnografía, Patrimonio Inmaterial e Etnoarqueoloxía. É membro da Sociedade Antropolóxica Galega, do Colectivo Lusófono Internacional O Mundo Fala Galego e do Movemento Cultural Ourensán Nós a Xente do Redor. Estudoso e divulgador da historia, do patrimonio e da cultura de Galiza, centrando o seu traballo de investigación na etnografía, con especial referencia ao entroido e ás tradicións do patrimonio inmaterial.

Neste eido ten publicados traballos en anuarios e revistas especializadas como Revista Entroido en Galicia, Fol de Veleno. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza, Ferrol Análisis, Mazarelos, Saudade, Cadernos da SAGA, Xurdimento, Lúa Nova, Romaría Etnográfica Raigame e Nós a Xente do Redor. É colaborador do Periódico O SIL e fundador da revista O Estatuto na USC e membro dun equipo de investigación etno-histórica en colaboración coa Universidade de Vigo.

Gañador do XXIII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais (2019), coa monografía Festividades de Inverno na provincia de Ourense: máscaras, personaxes e rituais. É autor de Ilustres e coautor de Achegas ao Patrimonio Inmaterial Galego. Foi condecorado coa Androlla de Ouro polo Concello de Viana do Bolo, en recoñecemento pola posta en valor do Entroido local.

Artigos relacionados

Back to top button