En portadaÚltima hora

Os 313 concellos galegos pasarán ao nivel máximo de restricións durante tres semanas

Isto suporá que a mobilidade redúcese ao propio concello, as interaccións sociais quedarán reducidas aos conviventes e pechará toda a hostalaría, segundo anuncia o presidente da Xunta

Reunión do Comité Clínico desta mañá.

 

Ante as “cifras de contaxio inéditas” de Covid que rexistra Galicia “temos que responder en consecuencia”. Así o dicía o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, tras a reunión desta mañá do Comité Clínico que segue a evolución da pandemia en Galicia. “Aínda quedan por pasar momentos moi duros”, aseguraba.

Feijóo anunciaba que os 313 concellos galegos pasan ao nivel máximo de restricións durante tres semanas (da medianoite do 26 ao 27 de xaneiro á medianoite do 16 e 17 de febreiro), xa que “é preciso limitar ao mínimo as interaccións sociais”. Isto suporá, entre outras medidas, limitar as interaccións sociais só aos conviventes, a mobilidade reducirase ao propio concello (con excepcións como as laborais, de sanidade, educación ou o coidado de dependentes e menores), o peche total da hostalaría (salvo para o servizo a domicilio) e o do comercio non esencial ás 18h. No caso do comercio esencial (supermercados, farmacias…) poderán estar abertos ata as 21:30h.

Tamén pecharán todos os centros sociais, museos, bibliotecas ou establecementos culturais e de espectáculo. Os centros comerciais estarán pechados sábados e domingos.

Estas novas medidas plasmaranse nun decreto que se publicará mañá.

O presidente da Xunta concluía pedindo a todos os galegos o cumprimento escrupuloso das medidas, “polo noso ben, pero tamén en solidariedade cos que máis están a pagar as consecuencias sociais e económicas de todo isto”, dixo, lamentando tamén que, por parte do goberno central, aínda non se dispoña dun calendario concreto de vacinación, así como o alcance que poden ter as novas cepas.

“En definitiva, toca un esforzo máis e un novo exercicio de especial responsabilidade”, engadía, insistindo na necesidade de reducir os contactos para dobregar a curva e reducir, entre todos, a presión asistencial.

Artigos relacionados

Back to top button