CulturaCulturaEn portadaÚltima hora

Os Fachós iluminarán Castro Caldelas na noite do 19 de xaneiro

Esta procesión de lume partirá arredor das sete e media do adro do Santuario dos Remedios
Gran fachón abrindo a comitiva en Castro Caldelas./ Foto: Carlos G. Hervella.

Entre “lusco e fusco”, como manda a tradición, o casco antigo de Castro Caldelas encherase o 19 de xaneiro cunha espectacular procesión de luz, que sairá dende o adro do Santuario dos Remedios. Trátase dun dos rituais de lume máis senlleiros de Galicia: os Fachós.

A procesión, que acostuma comezar en torno ás sete e media da tarde, irá encabezada por un xigantesco fachón de palla de máis de 30 metros de longo coa imaxe de San Sebastián. Cada ano a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega, acéndeo acompañada dunha autoridade que, nesta ocasión, será o secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero.

A partir de aí, esta comitiva da que forman parte tamén outros 700 fachós portados por veciños e visitantes, transitará polas antigas rúas da vila ata o castelo, onde darán a volta. O lume será a única iluminación na noite, mentres soará a música tradicional. Despois, a procesión regresará ao adro, onde os restos dos fachós deposítanse nunha gran fogueira que se atopa na entrada do santuario, dando paso á parte gastronómica da festa.

Os asistentes poderán degustar uns 6.000 chourizos caldelaos curados con fume de carballo, acompañados de pan artesán de forno de lecña, viño da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e, logo, dunha gran queimada como toque final dunha festa en cuxa organización se implican máis de 200 persoas.

As novidades desta edición

Malia que será ao escurecer cando o ritual propiamente dito dos Fachós se poña en marcha, a celebración incluirá xa actividades durante a mañá co IX Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas na memoria do grupo de gaiteiros Os Trabazos de Castro Caldelas ás 11h na praza do Prado.

Ademais no Castelo poderá visitarse unha mostra do traballo de máis de 20 fotógrafos sobre antropoloxía social e cultural coa mostra “A Etnografía e os fotógrafos”, formada por 23 láminas. Ademais, como “como complemento e promoción en apoio desta declaración de interese turístico” o Concello convoca un concurso de debuxo para a comarca de Caldelas e a primeira edición do concurso fotográfico da Festa dos Fachós (coa modalidade de “Festa dos Fachós” e “Visións de Castro Caldelas”) co fin de “fomentar a creatividade e promocionar a diversidade, riqueza histórica, cultural, etnográfica e paisaxística” deste municipio.

Artigos relacionados

Back to top button