SanidadeÚltima hora

Os servizos de Atención Primaria da provincia avanzan a programación de obradoiros de saúde comunitaria no primeiro trimestre

Os talleres e charlas desenvolveranse en centros de saúde, centros cívicos ou sociais, casas do concello, asociacións ou fogares do maior

Imaxe dunha da actividades de divulgación e formación de Atención Primaria./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

A coordinación de saúde comunitaria da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras vén de avanzar a programación comunitaria do primeiro trimeste de 2024 que realizarán os profesionais dos centros de saúde de todos os Servizos de Atención Primaria (SAP) da provincia, co obxectivo común de mellorar e manter a saúde, previr ou coidar a enfermidade e fomentar os hábitos saudables nos barrios, concellos, asociacións de veciños e colectivos de pacientes.

Respondendo ao obxectivo común de moitos dos propósitos do ano, en resposta aos excesos das festas, moitos dos obradoiros teñen por obxectivo axudar a levar unha dieta máis saudable, elaborando pratos e menús máis equilibrados. Todos os servizos ofertarán talleres, impartidos polo persoal de nutrición neste senso (Tempo de recoller a árbore de nadal e coidar o prato) ademais doutros dedicados a alimentación infantil, durante o embarazo, para prediabete oi diabete tipo II, obesidade, seguridade alimentaria ou mitos e realidades da nutrición, así como facer comida rápida, saudable e sen gastar moito.

Novidades para este 2024

Tamén relacionada coa boca, e moi importante para unha boa alimentación, é o coidado da saúde bucodental. Obradoiros impartidos polas hixienistas dentais, que xa viñan realizando actividades cos escolares, inician este ano unha nova etapa tamén con adultos que se estrea no Servizo de Atención Primaria de Bande, con edicións Lobios, Muiños e Entrimo.

Entre a gran variedade de iniciativas hai máis novidades, como a que se desenvolverá no SAP de A Ponte, “O noso Centro de Saúde: Recursos existentes, como usalos e optimizalos” que tentará fomentar o coñecemento da carteira de servizos, educando en saúde e desde responsabilidade.

Ademais de centrados na alimentación, as persoas con diabete tamén contarán con talleres directamente dirixidos á fomentar a súa calidade de vida. Neste caso por parte do persoal de enfermería familiar e comunitaria, equipo de atención a domicilio e nutricionista de referencia do SAP de Coles.

Organizado o pasado ano polo SAP de Ribadavia, chega á Valenzá un taller sobre o Virus de Papiloma Humán (VPH) e o cribado de colo de útero, que comezou fai uns meses na Área Sanitaria. Estará dirixido pola matrona María Villanueva e realizase no propio centro, na sala de xuntas o próximo día 25 de xaneiro ás 12.00.

Outro dos obradoiros novos será o de mellora das relacións interpersonais, dirixido por dúas das enfermeiras do SAP de Allariz e que se desenvolverá no salón de actos do Fogar do Maior. Desde este mesmo servizo, persoal de enfermería familiar e comunitaria e do equipo de atención a domicilio, realizarán un cursiño en Xunqueira de Ambía sobre coidados da pel, prevención de úlceras e caídas, destinado a coidadores formais ou informais.

Pilotaxe en Celanova

Celanova será o centro este ano dunha iniciativa que se desenvolve, por vez primeira na nosa comunidade, pilotando un programa de cursos e talleres dirixidos a coidadores, no que participa persoal de atención primaria de centros de saúde de toda a área: Enfermeiras, traballadoras sociais, saúde mental, nutricionistas e matronas, no que tamén colaboran especialistas en formación.

Neste marco, ao longo do mes de xaneiro, realizaranse catro cursos en horario de tarde sobre dietética, nutrición e alimentación; coidados da pel, prevención de úlceras e caídas; primeiros auxilios e mecánica corporal, prevención de lesións nas costas e solo pelviano.

“Este altísimo volume de intervencións converten aos profesionais de Ourense en referentes nesta liña de traballo, con iniciativas non deixan de crecer de ano en ano, refrendadas polos resultados en saúde, e pola propia satisfacción de participar de pacientes e profesionais, que procuran o tempo para sair do centro de saúde e traballar coa comunidade -nas necesidades de saúde detectadas en consulta- nun ambiente que favorece o intercambio de coñecementos e afianza a relación profesional-paciente”, destacan dende o Sergas.

Artigos relacionados

Back to top button