ConcellosO BarcoÚltima hora

Os socialistas do Barco réstanlle competencias ao pleno que pasan á Xunta de Goberno Local

O grupo de goberno aprobaba este punto na sesión plenaria de novembro cos votos en contra da oposición

 

Entre os puntos que figuraban na orde do día da sesión plenaria da Corporación municial do Barco deste xoves 2 de novembro estaba o de delegar unha serie de competencias que ata de agora tiña o pleno para pasalas á Xunta de Goberno Local, onde soamente hai concelleiros do grupo de goberno socialista. A proposta resultaba aprobada unicamente polos 9 representantes do PSdeG-PSOE, fronte aos votos en contra da oposición: PP (con 5 edís) e BNG (con 3 concelleiros).

En concreto, as competencias que a partir de agora pasarán á Xunta de Goberno serán as seguintes, tal e como detalla o secretario municipal durante o pleno: “o establecemento de prezos públicos mediante acordos de imposición, a ampliación do número de anualidades así como elevar as porcentaxes relativas aos gastos plurianuais a que se refire o apartado 3 do artigo 174 da Lei de Facendas Locais e 84 do R.D. 500/1990, a aprobación dos proxectos de obras e servizos competencia do pleno para a súa contratación ou concesión e cando aínda non estean previstos nos orzamentos, o exercicio de accións xudiciais e administrativas e a defensa da corporación en materia de competencia plenaria, e a revocación de actos ditados en vía de xestión tributaria, a solicitude e aceptación de subvencións convocadas por outra administracións públicas cando non sexan competencia do pleno da Corporación, a resolución de recursos de reposición que se interpoñan contra os actos ditados pola Xunta de Goberno Local no exercicio das atribucións delegadas polo pleno da Corporación”.

O voceiro socialista, Aurentino Alonso, comezaba a súa intervención sinalando que “simplemente se trata dunha serie de competencias que os técnicos entenden que sería máis áxil a tramitación dos expedientes e de todos os procedementos se estas competencias están na Xunta de Goberno, que se reúne practicamente todas as semanas, mentres que o pleno se reúne unha vez ao mes. E algunha vez isto nos ten obrigado a convocar algún pleno extraordinario. Polo tanto, por parte deste Grupo de Goberno non se lle quere furtar ningún tipo de competencias ao pleno, senón que en base á proposta que se nos fai dende a parte técnica do Concello, nós a asumimos. Despois de 24 anos estas competencias que estiveron no pleno, agora se entende que é máis áxil que sexan exercidas pola Xunta de Goberno local, pois nós facemos o que nos digan os técnicos”.

A súa intervención non convenceu en absoluto aos dous grupos da oposición, que amosaban o seu malestar. O primeiro en intervir era o concelleiro do BNG, Suso Vilasánchez, quen lembraba que o pleno representa ao conxunto da cidadanía do Barco. “Vostedes son maioría pola lei D’Hont, vostedes representan a todos os barquenses e a oposición tamén, pero os grupos da oposición xuntos teñen máis votos detrás que vostedes. Dende logo non estaba dentro dos nosos compromisos coa cidadanía facer abandono de funcións e delegar competencias do pleno na Xunta de Goberno Local; a cidadanía non entendería para que nos elixiu”. Así mesmo o concelleiro nacionalista dicíalle ao alcalde, Alfredo García, que “vostede non pode crer que O Barco é vostede, vostede é o encargado polo pleno de gobernalo, vostede é un concelleiro, elixido polo pleno para gobernar O Barco e nós elixidos pola cidadanía para controlar os seus actos de goberno. Polo tanto, non podemos nin por ética nin por respecto aos nosos votantes acceder á proposta da alcaldía de delegar competencias do pleno na xunta de goberno”.

Vilasánchez cualifiaba ao rexedor de “alcalde farón” e indicáballe que “vostede non pode facer pirámides, pero quere facer obras faraónicas que preserven a súa esencia e demostren o seu poder, e para iso precisa expropiar, mercar, ceder, hipotecar… e cousas así, mais consciente do declive do seu fulgor político pretende facelas ás agochadas, evitando o debate político e a exposición pública e para iso precisa quitarlle competencias ao pleno, que é un acto público e de debate coa oposición e pasarllas á Xunta de Goberno Local, onde todos son do seu grupo de goberno”. Finalmente, o concelleiro nacionalista pedíalle ao alcalde que respectase “os foros e liberdades democráticas e éticas, retire esa proposta ou lembre a Luis XVI”.

O voceiro do PP, Manuel Núñez “Noli” manifestaba estar de acordo co exposto por Vilasánchez, e engadía que “estamos aquí para construír, non para tragar, os nosos votantes, non nos van a permitir que non teñamos o único foro onde podemos debater, protestar e patalexar. Con maioría absoluta vostede pode pasar o rodillo, entón, actúe en consecuencia”.

O alcalde socialista simplemente contestaba dicindo que “nós isto nunca o plantexamos  e decidimos aceptar esta proposta, da que aínda quitamos cousas, pero isto serviu para que o voceiro do BNG faga un discurso brillante e absolutamente fóra de lugar, pero xa estamos tamén moitas veces acostumados a este tipo de peroratas. En calquera caso non o imos a retirar porque todo iso que vai aí vai pasar por comisión, é dicir, ningunha decisión que se tome, se é que toma algunha que afecta a eses apartados, se tomará sen pasar por comisión, polo tanto a oposición vai estar enterada e vai a poder aportar, porque as comisións tamén valen, nelas trabállase e fanse propostas”.

Finalmente o punto saía adiante unicamente cos votos a favor socialistas.

Artigos relacionados

Back to top button