ConcellosEn portadaGalerías de fotosO BarcoÚltima horaVídeos

“Os traballadores de Irosa e Samaca imos defender o noso pan, ningunha solución pode pasar pola condena e sacrificio de centos de persoas”

Con esta mensaxe remataba a multitudinaria manifestación de apoio aos traballadores destas empresas que percorría O Barco esta tarde

 

A veciñanza de Valdeorras botábase á rúa no Barco na tarde deste 22 setembro para defender os postos de traballo das empresas da lousa de Irosa e Samaca en perigo ante a execución da sentenza de desafiuzamento o pasado 19 de setembro. Milleiros de persoas sumábanse a unha marcha que saía ás sete da tarde dende o pavillón polideportivo de Calabagueiros e que percorría a estrada xeral da vila, cuxos comercios pechaban totalmente, incluídos os supermercados.  A mensaxe feita consigna, que tamén se plasmaba na pancarta que abría a marcha, era moi clara: “Irosa non se pecha, solución xa!”. Ademais os manifestantes berraban outras consignas como “traballo digno, na nosa terra”.

Arredor das oito e media a marcha, unha das de maior participación no Barco nos últimos anos, chegaba á praza Otero Pedrayo de Viloira, onde, xunto á Casa Grande, o presidente do comité de empresa de Samaca-Irosa procedía a dar lectura a un manifesto, que comezaba cunha clara mensaxe de agradecemento pola resposta á convocatoria. “No nome de todo o cadro de persoal quero agradecer a presenza nesta manifestación dos alcaldes e concelleiros de toda a comarca, dos partidos políticos que mostraron o seu apoio e adoptaron iniciativas nas institucións; das asociacións empresariais e sociais que se posicionaron claramente do noso lado; e, sobre todo, do conxunto das veciñas e veciños de Valdeorras que hoxe estades aquí defendendo o noso pan e o noso traballo”.

 

 

Así mesmo o representante dos traballores das empresas afectadas sinalba que “estamos presenciando unha situación que supón un verdeiro despropósito e que coloca a centos de familias ao borde da situación de paro, pobreza e exclusión. Un contencioso xudicial entre dúas partes enfrontadas que pode ter como consecuencia, que preto de 300 persos perdan o seu medio de vida e que moita máis xente, que vive indirectamente da nosa produción, reciba un durísimo golpe que pode poñer tamén en perigo o seu futuro. Non somos xuíces, nin podemos decidir. Non imos, nin podemos, nin debemos, decantarnos por ningunha das partes en litixio. Pero somos quen vai pagar as consecuencias de levarse a efecto o desafiuzamento e peche das empresas nas que traballamos. Non entendemos que exista unha expropiación dos terreos, amparada legalmente, e que ao mesmo tempo, a xustiza anule de facto dita expropiación e decrete o desaloxo forzoso e o cese da actividade”.

 

 

 

 

No manifesto tamén se sinalaba que “non hai pleito que poida xustificar a ruína de centos de familias. A empresa terá que facer esforzos para chegar a unha solución. Iso é así. Pero a Comunidade de Montes, enteira, con representación real de todos os veciños de Portela e do Trigal, sen exclusión, ten que ser consciente da enorme responsabilidade que ten e das fatais consecuencias que poidan acarrear as súas decisións. Ningunha solución pasa pola condena e sacrificio de centos de persoas que gañamos honradamente o noso pan, a costa do noso traballo”.

 

 

 

A intervención do presidente do comité de empresa finalizaba indicando que “seguirán os pleitos; seguirán os xuízos; seguirán as reunións entre as partes… pero queremos que todo o mundo saiba que esta parte, a máis importante de todas, e a que menos culpa ten, que somos os traballadores e traballadoras de Irosa e Samaca, imos defender o noso traballo e o noso pan. E que nos van encontrar en pe, con dignidade, e mirando aos ollos de quen nos pretenda expulsar dos nosos postos de traballo. E para esa nobre e xusta loita, contamos con todos vós, veciños e veciñas de Valdeorras”.

 

 

Dende a CIG e CCOO, sindicatos que están representados no comité de empresa de Irosa e Samaca, facíase unha valoración desta acción reivindicativa e momento que están a vivir os traballadores. “Estamos nunha situación de absoluto esperpento, aquí hai unha batalla xudicial que libran dúas partes, unha é unha empresa e outra é unha comunidade de montes. Non dubidamos de que todos terán as súas razóns posiblemente, pero aquí ás vítimas son as traballadoras e os traballadores, que están nestes momentos en perigo real de quedar sen o pan que levan a casa todos os días. Aquí hai un pleito xudicial descarnado, a empresa terá a súa responsabilidade, pero tamén é certo, e iso é de dominio público, que a comunidade de montes ten moitos puntos escuros que explicar para chegar a onde está chegando e dende logo hai que ter estómago para que uns veciños de porta con porta pretendan deixar na rúa a preto de 300 familias por un capricho de non saber xestionar e chegar a acordos”, dicía o secretario comarcal da CIG en Ourense, Anxo Pérez.

 

 

Así mesmo, o responsable da CIG destaba que “nós imos defender o posto de traballo como sexa, se nestes momentos Irosa segue aberta é porque os traballadores se plantaron o día que a Garda Civil chegou alí, e defenderon realmente a propia empresa e imos seguir así, non imos permitir este atropelo que o que fai é empobrecer aos de sempre”.

 

 

De maneira similar se pronunciaba a reponsable de organización de CCOO, Lorena Rodríguez Veloso. “Esta situación afecta a moitos postos de traballo, tanto directos como indirectos, e a moitas familias. Esta situación é un cúmulo de despropósitos e dende CCOO lamentamos que non se puxera solución a todo isto”. Destacaba ademais a resposta social á manifestación.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button