En portada

“Os viños galegos non só son frescos e afroitados, tamén teñen potencial de garda”

O sumiller Luis Paadín presentaba na sede do CRDO Valdeorras a “Guía de Vinos, Destilados y bodegas de Galicia 2016”
Luis Paadín, director da guía, e José Vicente Solarat, presidente da D.O. Valdeorras, na rolda de prensa./ Foto: Carlos G. Hervella.
Luis Paadín, director da guía, e José Vicente Solarat, presidente da D.O. Valdeorras, na rolda de prensa./ Foto: Carlos G. Hervella.

A cuarta edición da “Guía de Vinos, Destilados y bodegas de Galicia” (Servino.net), que dirixe o sumiller Luis Paadín, xa está na rúa. Este completo libro, de preto de 400 páxinas e con máis de 1.000 referencias de cata, presentábase na mañá do 21 de decembro na sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, en Vilamartín.

O volume recolle a totalidade das adegas amparadas por unha denominación de orixe en Galicia e “nesta edición incrementamos o número de catadores ata un total de 41 e tamén o número de catas, xa que probamos uns 1.025 viños e nalgúns casos en lugares tan emblemáticos como o claustro de San Francisco en Ourense”, aseguraba Paadín. Tamén se outorgan medallas aos viños mellor puntuados das diferentes denominacións galegas.

A presentación da guía tiña lugar na sede do CRDO Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.
A presentación da guía tiña lugar na sede do CRDO Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.

Ademais a guía mantén a filosofía coa que nacía de non incluír publicidade e a súa financiación apoiase nun proxecto de micromecenazgo, xa que non conta con respaldo das administracións. “Nesta ocasión contamos con máis mecenas, un total de 233, entre os que está o CRDO Valdeorras, ao que temos que agradecer o seu apoio e tamén o do seu persoal”, engadía Paadín.

Sobre os viños galegos catados na elaboración deste volume, Paadín resaltaba que se pon de manifesto que “os viños galegos non só son frescos e afroitados, senón que tamén teñen potencial de garda”.

Ao seu carón, o presidente da D.O. Valdeorras, José Vicente Solarat, aseguraba que “é unha satisfacción para o consello colaborar na edición desta guía. É un traballo que sirve non só para o experto, senón tamén para o afeccionado, permite que cada vez máis xente se aproxime ao mundo do viño”.

Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button