En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Penedo dos Lobos (Manzaneda), un dos campamentos romanos “mellor conservados do noroeste”

Comeza a campaña arqueolóxica neste asentamento, situado a 1.466 m, que durará unha semana

O equipo de Romanarmy.eu, encabezado por João Fonte, investigador do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC, comezaba na mañá do 20 de agosto a campaña arqueolóxica no campamento militar romano de Penedo dos Lobos en Manzaneda, situado a 1.466 metros de altura e moi preto da Estación de Montaña.

O primeiro que sorprendía aos membros do equipo era o grao de conservación deste asentamento. “É o campamento deste tipo mellor conservado en Galicia, vense perfectamente as catro entradas ao recinto”, destacaba Fonte. Esta clase de estruturas, matiza, eran temporais, de marcha e pertencen a un momento histórico anterior a outros campamentos permanentes e máis coñecidos en Galicia como pode ser o de Aquis Querquennis en Bande. “Este campamento de Penedo do Lobo vainos permitir estudar un contexto histórico ata agora descoñecido en Galicia, cando aínda non estaba perfectamente pacificado o territorio, de aí que sexan en altura”, engade Fonte.

Entre o 20 e o 26 de agosto o equipo levará a cabo na zona un estudo preliminar para “validar arqueolóxica e cientificamente que este recinto é un campamento romano, tal e como cremos, e non outra cousa. Faremos unha limpeza integral do lugar e unha prospección para ver se atopamos algún tipo de material arqueolóxico”, indica o director da campaña, quen agradecía a colaboración do Concello de Manzaneda “que dende o primeiro momento se amosou interesado”.

Na mañá do 20 de agosto, mentres os investigadores principiaban o seu traballo sobre o terreo, seguían os labores de limpeza. Tamén se achegaban ata o asentamento o alcalde de Manzaneda, Félix Domínguez, e o afeccionado que o identificou e informou sobre el a Romanarmy, o valdeorrés Rubén Lorenzo.

Esta campaña está promovida polo Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC, o Concello de Manzaneda, e o Grupo de Investigación Síncrisis, do Departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button