SanidadeÚltima hora

Premiados 11 plans locais de saúde galegos, entre o do Centro de Saúde do Barco

Tamén resultaban distinguidos os de Castro Caldelas e Mariñamansa, na provincia de Ourense

 

A Consellería de Sanidade premiaba na tarde deste 13 de marzo no decurso dun acto celebrado no Edificio Administrativo de San Lázaro, en Santiago, os plans locais de saúde de 11 centros galegos. Os galardóns divídense en nove categorías: iniciativa innovadora, investigadora, dimensión comunitaria, atención á cronicidade, dimensión profesional, atención domiciliaria, dimensión de procesos, accesibilidade e actividade no medio rural e excelencia.

O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, acompañado polo equipo directivo da Consellería e do Servizo Galego de Saúde, felicitaba aos profesionais dos servizos premiados: O Barco de Valdeorras (que recollía Isabel Navarro González, coordinadora de Enfermería) como iniciativa innovadora, Castro Caldelas no apartado de accesibilidade e actividade no medio rural, A Estrada, Sárdoma (Vigo), Vilanova de Arousa, Os Mallos (A Coruña), Virxe Peregrina (Pontevedra), Mondoñedo, Illas Canarias (Lugo), Cedeira e Mariñamansa (Ourense) en dimensión de de procesos. O conselleiro resaltaba que os plans locais de saúde reflicten o compromiso dos grupos de traballo de cada servizo de atención primaria.

Trátase de equipos multidisciplinares integrados por persoal médico, de enfermería, pediatras, odontólogos e hixienistas dentais, así como persoal de nutrición, fisioterapia, farmacia, traballo social, saúde da muller ou de xestión. O éxito do seu traballo redunda no fortalecemento da atención primaria, aseguraba o conselleiro de Sanidade, indicando ademais que os plans locais de saúde “dan paso a unha mellor organización do traballo e ao desenvolvemento da función comunitaria dos centros de saúde co obxecto de que os traballadores de cada centro participen en labores de promoción e prevención da saúde, en colaboración cos servizos do seu concello, os centros educativos, os servizos sociais, as asociacións e a cidadanía”.

Nestes momentos preto do 50% dos servizos de atención primaria galegos xa contan cun plan local de saúde e a Xunta prevé completar no 2026 a implantación destes instrumentos de planificación, que adaptan a actividade dos centros de primaria ás necesidades particulares da súa poboación.

 

O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, acompañado pola directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares, intervén no acto de entrega de premios dos Plans locais de Saúde.

 

Radiografía da saúde da veciñanza

Na súa intervención García Comesaña tamén apuntaba que cada plan inclúe un conxunto de accións definidas por parte dos responsables dos servizos de atención primaria e, pola súa parte, as xerencias das áreas sanitarias adquiren un compromiso de colaboración e soporte, o que supón que estes plans son a mellor radiografía da saúde da veciñanza de cada unha destas localidades.

“A posta en marcha destes plans deriva en melloras na xestión da demanda, eficiencia, seguridade, aprendizaxe, innovación e motivación, ademais de avances na prevención e na atención ao paciente crónico e a do domiciliario. Os usuarios de todas as áreas sanitarias valoran os servizos con plans locais de saúde cun sobresaliente, de acordo coas enquisas realizadas pola Consellería de Sanidade”, dicía o conselleiro.

Julio García Comesaña concluía a súa intervención reiterando o agradecemento aos profesionais da sanidade e aos axentes sociais pola posta en marcha destes plans, “que están a posibilitar a mellora da calidade asistencial dos doentes, ademais de reducir a incidencia das patoloxías máis prevalentes en cada concello, así como tecer redes de colaboración integrando o centro sanitario coa súa contorna en beneficio da saúde da poboación”.

Pola súa parte, a directora xeral de Planificación Sanitaria, Sofía López Linares, destacaba a posta en marcha e consolidación dos 71 plans locais de saúde que hai neste momento, 28 dos cales iniciaron a súa andaina en xaneiro deste ano.

 

Artigos relacionados

Back to top button