CulturaCulturaÚltima horaVídeos

Preséntase a “Breve biografía de Ruiz de Padrón” na Casa Grande de Viloira (O Barco)

O acto contaba co autor do libro, Jesús de Juana, e do seu limiar, o valdeorrés Isidro García Tato

 

Deputado en 1812, Antonio Ruiz de Padrón, acadaba gran sona “polo seu brillante alegato contra a Inquisición, fundamental para a súa abolición nas Cortes de Cádiz, e polas réplicas integristas que suscitaron os seus argumentos”. Deste xeito refírese Jesús de Juana López a este abade, de orixe canaria e falecido en setembro de 1823 en Vilamartín de Valdeorras, nas primeiras páxinas do seu libro “Breve biografía de Ruiz de Padrón (1757-1823). Nuevas aportaciones en el bicentenario de su fallecimiento” (Boletín Avriense, Ourense 2023), que se presentaba na tarde deste 15 de marzo no salón de actos da Casa Grande de Viloira.

 

 

O acto abríao a deputada provincial e alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María Carmen González, quen lembraba que meses atrás se abría na mesma Casa Grande de Viloira unha delegación da Deputación de Ourense e que, deseguido, presentaba ao autor do limiar do libro, o investigador valdeorrés Isidro García Tato, quen asegura que “esta obra constitúe a mellor mostra palpable de que o interese pola figura de Antonio José Ruiz de Padrón segue vixente, motivo este de felicitación de todos os amantes da historiografía” e cualifícaa de “biografía completísima, ilustradísima, maxistralmente escrita e solidamente fundamentada”.

 

 

A continuación era o autor, Jesús de Juana, catedrático emérito de Historia Contemporánea da Universidade de Vigo na Facultade de Historia de Ourense, quen tomaba a palabra, destacando que malia que ao longo da súa traxectoria vital tense movido en diversos eidos, os que máis lle gustan son os da investigación e docencia. E foi precisamente desenvolvendo este último cando se topaba coa figura deste singular abade e comezaba a afondar nela.

 

 

 

 

O libro percorre a súa vida e obra, na que se destacan cuestións como ter sido un dos asisntantes da Constitución de 1812, e “en termos xerais defendeu o constitucionalismo e o liberalismo como o medio máis adecuado para loitar contra a ignorancia e a superstición do pobo, das que en boa parte, parte era culpable a Igrexa”, di de Juana no libro, destacando ademais que Ruiz de Padrón considerábase un “home libre e reformista, innovador e non adscrito a ningunha facción ou partido”.

 

 

E conclúe sinalando que “a súa memoria permenece viva na súa terra natal, La Gomera, e na adoptiva galega, e porque fixo un extraordinario esforzo por mellorar a condición económica e, sobre todo, a dignidade política e liberdades dos españois, polas que tanto sufriu e padeceu nun proceso inxusto e nunha prisión lóbrega e horrenda”.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button