ConcellosÚltima hora

Preséntase en Montederramo unha colección documental sobre o seu mosteiro

O volume "esencial para o coñecemento do galego medieval" é obra do filólogo Ramón Lorenzo

 

Na tarde do 17 de setembro, no marco incomparable do mosteiro ourensán de Montederramo, tiña lugar a presentación do volume Mosteiro de Montederramo. Colección documental e índices, obra do profesor Ramón Lorenzo e resultado de décadas de traballo de investigación que contou coa colaboración da Xunta de Galicia e o Consello da Cultura Galega (CCG), unidos para dar ao prelo este traballo “esencial para o coñecemento do galego medieval”.

No acto, o secretario xeral de Política Lingüística Valentín García, saudou “con enorme satisfacción a publicación desta obra autenticamente monumental, que é a culminación de 40 anos de rigorosidade intelectual e de traballo constante a prol da lingua de Galicia desde o ámbito dos estudos medievais, nos que Ramón Lorenzo, sen dúbida, creou escola”. “O insigne profesor ­–engadiu o secretario xeral– agasállanos hoxe cunha colección de case 2000 documentos que é toda unha regalía para os estudosos da nosa historia e da nosa lingua, unha fonte fundamental para ampliar o coñecemento sobre o que fomos e o que somos hoxe os galegos e as galegas”.

A obra, en soporte mixto papel-CD, contén a edición de toda a colección documental do mosteiro de Santa María de Montederramo, desde o primeiro texto que se conserva (de 1124) ata os últimos escritos en pergamiño no século XVI (1560), completando un total de 1880 documentos, seguidos de dous longos apéndices que conteñen dúas cartas executorias de 1520 e 1606 que reproducen moitos dos textos anteriores. O volume inclúe ademais un índice antroponímico, outro toponímico e unha extensa introdución na que figuran notas de carácter histórico, as normas de transcrición e consideracións sobre características ortográficas e lingüísticas. Edítase no marco do proxecto Gallaeciae Monumenta Historica, un repositorio de documentación histórica desenvolvido e promovido polo CCG.

Na presentación tamén participaron Ramón Lorenzo, autor do volume; Antonio Rodríguez, alcalde de Montederramo; Xosé Luís Regueira, director do Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago, e Andrés Rodríguez, párroco de Santa María de Montederramo. Tras as intervencións, tivo lugar unha actuación musical do grupo Manseliña, que interpretou varias pezas dos séculos XIII e XIV.

Artigos relacionados

Back to top button