CulturaCulturaGalerías de fotosMúsica

Pura música contemporánea no exitoso concerto do pianista Fabio Álvarez en Trives

Esta actuación benéfica, a favor da AECC, reunía na tarde do 10 de agosto a unhas 200 persoas no Auditorio da vila

Escollía o minimalismo de “Etude Nº 1”, do compositor americano Philip Glass, para comezar unha interesante, coidada e espectacular viaxe pola música contemporánea na que amosaba o seu talento e virtuosismo ao piano. Fabio Álvarez regresaba, 23 anos despois, ao escenario no que debutaba como músico na súa vila natal: o Auditorio Julio Vázquez de Trives. E facíao nun exitoso concerto benéfico, a favor da Asociación Española contra o Cancro (AECC), que reunía a unhas 200 persoas.

“Para min é un orgullo e unha gran alegría tocar no meu pobo”, confesaba ao inicio da actuación o pianista, que reside actualmente en Nova York, onde compaxina a súa actividade como pedagogo con concertos e masterclass. E ademais explicaba que este era un concerto moi pensado dende hai tempo no que o total do recaudado vai ir á AECC. Un concerto que quería facer por dous motivos. Primeiro, por unha experiencia persoal co cancro e, en segundo lugar, co afán de realizar un espectáculo pedagóxico para achegar ao público á música actual. “Non se pode estigmatizar a música contemporánea, é un erro, hai que romper esa idea, cada compositor é un universo cheo de diferentes estilos e harmonías”, resaltaba.

E así o demostraba no decurso da súa actuación, pasando dos “Etudes Nº 2&6 (1991-2012) do minimalista Glass a dúas composición de carácter “revolucionario” de primeiros do século XX de Henry Cowell (1897-1965): “The Tides of Manaunaun” (1917) e “The Banshee” (1925). Nelas Álvarez amosaba as chamadas técnicas estendidas para piano, tocando de xeito totalmente diferente ao convencional, coa palma da man ou co antebrazo.

 

O pianista trivés Fabio Álvarez amosando as técnicas estensivas para piano.

Logo facía chegar o son dun laberinto con “Labyrinth” (1998) de Randall Meyers, cunha mestura entre a interpretación habitual ao piano e as técnicas estendidas; e daba un salto máis con “The Body of Your Dreams” (2002) de Jacov TV, unha peza para piano e música electrónica, con pequenos anacos de frases extraídas dun anuncio, que tamén se proxectaba ao mesmo tempo que  interpretaba a composición.

Como contrapunto, Álvarez daba paso a catro pezas inspiradas na música tradicional galega do tamén pianista e compositor Octavio Vázquez, natural de San Xoán de Río: “Foliada de Tenorio” (2015), “Alalá de Padrón” (2015), “Alalá Imos Indo” (2003) e “Muiñeira de Ponte San Paio” (2003).

E, xa encarando a recta final do recital, anunciaba a “estrea mundial” do tema “New York” de Jivan Gandhi, compositor co que colabora; e sorprendía tocando ao mesmo tempo o piano de cola e un de xoguete en “The Memory of Roses” (1992) de Louis Andriessen. Deseguido compartía escenario cunha xovencísima chelista trivesa, María Rodríguez, coa que tocaba un par de temas, entre eles un tango.

 

A chelista María, tras actuar xunto a Fabio Álvarez.

Fabio Álvarez finalizaba de xeito excepcional do concerto entre ovacións e co público en pé aplaudindo sen cesar con “Tora! Tora! Tora! Cadenza Apocalíptica (Scorpio)” de George Crumb (incluído no seu primeiro disco, “Musical Zodiac”) e dedicando unha derradeira peza dun compositor vasco ás persoas afectadas polo cancro. Despois recibía as felicitacións do público ao que agasallaba cunha petiscada no mesmo auditorio.

Texto: A.R.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button