EconomíaEconomíaEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

Rapa de ovella galega e valorización da la, na granxa A Ciruxana (Viana-Vilariño)

Nesta xornada procedíase a tosquiar as 500 ovellas que posúe esta explotación, que agora vende a sua la á artesá Teté Mareque

 

Xornada intensa na Granxa A Ciruxana (Viana do Bolo-Vilariño de Conso). Arredor das sete e media da mañá deste 18 de abril comezaba en Ardexarxe (Viana) o proceso de rapa dos máis de 500 exemplares que posúe esta explotación de ovella galega. “Este proceso marca para nós o comezo da primavera”, explica Xoán González, de A Ciruxana, “faise agora cando as ovellas están para parir, para que elas teñan mellor benestar e despois os partos resulten mellores de atender porque tampouco se manchan tanto de sangue e así xa nos quedan marcadas para todo o verán. Isto para nós marca o cambio de ciclo”.

 

 

A rapa é un proceso que ten milleiros de anos de antigüidade, “dende que se domesticaron as ovellas. É un labor ligado á terra, cíclico, que todos os anos se repite. Antes facíano doutra maneira, antes facíase con tesoiras, agota está mecanizado, pero o proceso é o mesmo”, matiza este gandeiro. Neste caso desta rapa encargábase a empresa Esquiladores da Montaña de León.

 

Xoán González, responsable da Granxa A Ciruxana./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Cada ovella dá entre 1 quilo e quilo e medio de la. Un produto que, por segundo ano consecutivo, vai ir a mans da artesá Teté Mareque, que o pasado ano implicaba a unha vintena de artesáns galego, pero tamén doutras partes de España e mesmo do estranxeiro, para explorar as posibilidades da la de ovella galega con diferentes técnicas e pór en valor un produto que ata agora está considerado un residuo das explotacións. Dese proxecto nacía a exposición “Ardexarxe”, cunha gran acollida.

 

 

A novidade deste ano é que Teté Mareque vai pagar pola la da explotación A Ciruxana. “Penso que é necesario e moi xusto, aquí hai moito traballo”, resalta a propia artesá que se desprazaba esta madrugada dende terras ferrolás para asistir á rapa e facer xa unha primeira clasificación do produto na explotación. “Separamos por cores (branca, gris e negra) e quitamos algún residuo que poida haber”. A partir de aí, Mareque encargarase persoalmente de procesar de xeito artesanal esta la, da que destaca a súa gran calidade, e, seguir dando pasos máis alá da exposición dos artigos que se elaboren con ela.

 

A artesá Teté Mareque./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

“A idea deste proxecto é comercializar, o ano pasado foi unha proba conxunta para ver como funcionaba a la. E comprobamos que funciona en teares de alto lixo, baixo lizo, estamos con cerámica, con coiro, os bolsos son impresionante, con bolillos, en Polonia fixeron unhas pezas de xoiería que nos mandaron… a xente está moi ilusionada e implicada nisto, entón intentaremos dar o paso da comercialización”, adianta Mareque, destacando ademais que este segue sendo un proxecto colectivo, que vincula a artesáns e a gandeiros. “A miña idea é compartir, dar a coñecer a la, que a traballen, que a miren, gústanme moito os novos proxectos, as colaboracións e pensar como podes facer para sacar isto adiante”, conclúe.

 

 

 

Para o gandeiro Xoán González o feito de poder vender a la supón xa un paso moi importante. “Conseguimos valorizala, cubrimos o custo da rapa, que xa é un aforro. Isto é un logro, vaise traballando no bo camiño, estamos vendo que a ovella galega ten as súas posibilidades e imos intentar que outros gandeiros no futuro poidan tamén valorizar a súa la”, comenta.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Vídeos: A.R.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button