En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Romaría de San Bieito en Santa Cristina de Ribas de Sil

A celebración relixiosa e lúdica tiña lugar no mediodía do domingo 8 de xullo

En plena Ribeira Sacra ourensá, é moito o patrimonio do que pode presumir o concello de Parada de Sil. Numerosos Petos de Ánimas (Casa do Vento, Cimadevila, Teimende, Coutiño, Requián), varios cruceiros (Forcas, Parada de Ril, A Hedrada, Caxide), A Ponte de Conceliños, e numerosas igrexas (nove, unha por parroquia) e tamén capelas. Pero se hai un conxunto monumental que destaca na contorna, é o mosteiro benedictino de Santa Cristina de Ribas de Sil.

Declarado Ben de Interese Cultural o 1 de outubro de 2008, o conxunto monumental e espiritual está encravado nunha “espectacular e grandiosa paraxe a carón do río Sil, no souto de Merilán, por debaixo do monte Varona” segundo a información do propio Concello de Parada de Sil. Un Concello que, con Yolanda Jácome ao fronte, segue loitando por poñer en valor o mosteiro e todo o que representa, como parte da súa historia, pero tamén como foco de atracción turística.

 

Interior da igrexa do mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil.

Calquera día é bo para achegarse a este fermoso lugar que cada vez presenta un mellor acceso, pero quen o fixo o domingo 8 de xullo atopouse coa Romaría na honra a San Bieito, unha celebración entre relixiosa e lúdica recuperada hai uns anos. En torno ás 12:30h. comezaba a procesión ao redor do mosteiro coa imaxe do santo amenizada pola Charanga Nova Terras de Trives, seguida pola eucaristía cantada pola Coral Aqua Música.

Malia virse facendo dende hai anos, nesta ocasión non se celebrou a tradicional puxa do galo, pero si que había postos de venda de roscas da xente do concello de Parada. Trala celebración relixiosa e a actuación da coral, a festa trasladouse ao cercano pobo do Castro, con baile amenizado pola charanga trivesa.

Como cada ano, da perfecta coordinación e regulación do tráfico no acceso ao mosteiro, encargáronse os membros e Protección Civil de Parada de Sil.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button