En portadaÚltima hora

Rueda incorpora 4 novas caras ao executivo galego, no que desaparecen as vicepresidencias

 

Un día despois da súa toma de posesión como presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, asinaba esta mañá o decreto de nomeamento dos membros do Executivo, que quedará conformado do seguinte xeito.

 

Así, neste novo executivo galego Rueda elimina as vicepresidencias, introduce cambios nalgunhas consellerías e inclúe catro caras novas: José López Campos (alcalde da Estrada, coa carteira de Cultura, Lingua e Xuventude), Antonio Gómez Caamaño (Sanidade), María José Gómez Rodríguez (Medio Rural) e María Martínez (Infraestruturas). Ademais, deixan o goberno galego Ethel Vázquez, Elena Rivo e Julio Comesaña.

 

 

Traxectoria dos catro novos conselleiros

Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas: María Martínez Allegue

Pontevedresa de 46 anos, é licenciada en Dereito e funcionaria de carreira de administracion local con habilitación de carácter nacional, na subescala de secretaria-intervención. Exerceu como secretaria-interventora no Concello de Lousame, secretaria nos Concellos de Tui e Mos e tesoureira no Concello de Marín.

Entre 2010 e 2015 foi directora xeral da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), entre 2015 e 2023 xefa de área provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) en Pontevedra e entre 2023 e 2024 xefa territorial de Infraestruturas e Mobilidade en Pontevedra. Desde as últimas eleccións autonómicas, é deputada no Parlamento de Galicia pola provincia de Pontevedra.

Conselleiro de Sanidade: Antonio Gómez Caamaño

Nado en Ferrol en 1962, é licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Oviedo e especialista en Oncoloxía Radioterápica. Desde o 2013 é xefe de servizo de Oncoloxía Radioterápica do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, servizo no que levaba traballando desde o ano 2000. Entre 2021 e 2023 foi presidente da Sociedade Española de Oncoloxía Radioterápica.

A súa actividade asistencial e investigadora céntrase no cancro xenitourinario, no de pulmón e na radioxenómica. Ten publicados máis de 100 artigos en revistas científicas indexadas, 25 capítulos e máis de 200 comunicacións e pósters en congresos nacionais e internacionais.

É profesor asociado na Universidade de Santiago de Compostela, docente en cursos en varias universidades españolas e poñente en 250 eventos científicos. Participou tanto dentro do Sergas como a nivel nacional no desenvolvemento de vías clínicas, guías clínicas, documentos de consenso e plans estratéxicos.

Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude: José López Campos

Naceu en 1974 na Estrada. Directivo no sector da banca, a súa traxectoria política comeza en 2003 ao ser elixido concelleiro na Estrada e ocupar os cargos de concelleiro de Industria e Comercio e tenente de alcalde. Nas eleccións municipais de 2011 encabezou a candidatura do PP e foi elixido alcalde da Estrada por maioría absoluta, resultado que revalidou nas convocatorias de 2015 e 2019.

Neste tempo tamén foi deputado no Parlamento de Galicia entre 2009 e 2011 e deputado provincial entre 2011 e 2015 e a partir de xullo de 2019.

Conselleira do Medio Rural: María José Gómez Rodríguez

Naceu en Pradedo de Abaixo, Guntín (Lugo) en 1976. Licenciada en Filoloxía Inglesa e en Humanidades, desde 2008 é profesora de ensino secundario no ensino público, na especialidade de Inglés. Desde 2019 é alcaldesa de Guntín e, despois das eleccións xerais de xullo de 2023, senadora pola provincia de Lugo.

Entre 2014 e 2017 foi vicedirectora do IES de Monterroso, no que coordinou a sección bilingüe. Entre 2017 e 2022 foi xefa de coordinación de Cultura en Lugo e entre 2022 e 2023 xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades na mesma provincia.

 

Artigos relacionados

Back to top button