SanidadeÚltima hora

Segunda xornada de actualización de neurofisioloxía clínica en Ourense

Esta especialidade clave no diagnóstico mediante o estudo funcional do sistema nervioso é cada vez máis indispensable, tanto na área clínica coma cirúrxica, formando equipos multidisciplinares dirixidos ao diagnóstico e tratamento das enfermidades

 

O servizo de Neurofisioloxía Clínica do Hospital Universitario de Ourense organiza a II Xornada de A Neurofisioloxía Clínica, que convertía este sábado a Ourense en punto de encontro de neurofisiólogos de toda Galicia, contando coa participación de destacados especialistas desta especialidade e que conta co aval científico tanto da Sociedade Galega de Neurofisioloxía Clínica (SOGAN) como da Sociedade Española (SENFC).

Con cerca dun centenar de asistentes, esta xornada reúne a neurofisiólogos, tanto especialistas como en formación, así como a facultativos doutras áreas como poden ser neuroloxía, cirurxía xeral, neurocirurxía, traumatoloxía, medicina intensiva e reanimación.

O programa deseñado polo comité organizador, formado polos doutores Silvia A. Paradelo, Eros Moreno Morales e Adrián Baz López, trata temas de máximo interese e de plena actualidade, e profundarán na esencia multidisciplinar da especialidade dirixindo o enfoque ás situacións críticas, urxentes e de gran risco neurolóxico.

A Neurofisioloxía é a especialidade responsable do estudo funcional do sistema nervioso central e periférico -mediante o rexistro e interpretación da súa actividade fisiolóxica- clave para o diagnóstico de numerosas patoloxías e, cada vez máis, indispensable no quirófano e nos equipos multidisciplinares para o tratamento de numerosas patoloxías.

Esta complexa e aínda nova especialidade implantóuse en Ourense nos anos 70, ligada a electroencefalografía (EEG) e, desde entón, o seu crecemento está a ser imparable. Incorporando a electromiografía (EMG), os potenciais evocados (PE) e, desde 2013, coa área de monitorización neurofisiolóxica intraoperatoria (MNIO) contribuíndo ao avance das técnicas cirúrxicas de especialidades como neurocirurxía, cirurxía xeral, vascular, trauma ou otorrinolaringoloxía. Tamén colabora en equipos multidisciplinares con outras áreas médicas como medicina interna ou neuroloxía.

Igualmente, o estudo de potenciais evocados (PE) se utiliza para o diagnóstico e prognóstico dos pacientes críticos e xa forma parte dos protocolos de actuación habituais deste hospital. Pola súa parte a electromiografía (EMG) é clave no diagnóstico da maior parte de enfermidades neurolóxicas, dende as neuropatías ata a esclerose lateral amiotrófica (ELA). Pese a este amplísimo abano de funcións, a especialidade é aínda unha gran descoñecida, posiblemente pola súa complexidade e as dificultades de facer comprensibles, a nivel xeral, as bases do seu traballo.

 

 

Programa das xornadas

  1. Área MNIO (monitorización neurofisiolóxica intraoperatoria) do nervio periférico na cirurxía de tiroides

O inicio da xornada comezaba cun bloque de monitorización neurofisiolóxica intraoperatoria (MNIO) en cirurxía tiroidea que foi aplicada no CHUO desde o 2016 como ferramenta para os cirurxíans para garantir e obter maior seguridade no momento da cirurxía. A finalidade desta monitorización intraoperaoria durante a cirurxía de tiroides e paratiroides ten actualmente unha ampla aceptación constituíndo xunto coa identificación visual a técnica de elección para localizar e por tanto previr a lesión do nervio larínxeo recorrente e/o nervio larínxeo superior, cuxa lesión pode producir ronquera, dificultade para respirar e dificultade para tragar, transitoria ou permanente.

O xefe de sección de Cirurxía xeral do CHUO, Pedro Trillo, salienta que “a unidade de cirurxía cervical e tiroidea do CHUO data de comezos do ano 2.000 converténdose desde entón nun centro de referencia para a abordaxe cirúrxica desta patoloxía e grazas a incorporación da neuromotorización temos información en tempo real de como funcionan os nervios cunha alta sensibilidade, achegándonos datos moi valiosos que melloran o prognóstico da cirurxía e así minimizar os riscos de lesión neurolóxica”.

  1. Área MNIO (monitorización neurofisiolóxica intraoperatoria) do neuro-raquis na cirurxía de columna:

Seguidamente abordábase a cirurxía raquimedular, e dicir a cirurxía de columna vertebral, desde un punto de vista comparativo, do clásico ao minimamente invasivo, contando con perspectivas traumatolóxicas e neurocirúrxicas, que permitan ao neurofisiólogo coñecer distintos protocolos de actuación en cada unha delas. A monitorización neurofisiolóxica intraoperatoria permite coñecer o estado das funcións neurolóxicas durante a cirurxía, guiando ao cirurxián e minimizando os riscos de lesión.

  1. Área de EMG (Electromiografía) Síndrome de Guillain-Barré

A segunda metade da xornada destinábase á actualización fisiopatolóxica e diagnóstica da Síndrome de Guillain Barré, entidade que representa a causa máis frecuente de parálise flácida en países desenvolvidos. A Síndrome de Guillain-Barré é un trastorno pouco frecuente no cal o propio sistema inmunitario dunha persoa dana as súas neuronas e causa debilidade muscular e ás veces parálise. Este síndrome pode causar síntomas que polo xeral duran algunhas semanas. A maioría das persoas recupéranse totalmente, pero algunhas padecen danos do sistema nervioso a longo prazo.

  1. Área de EEG (Electroencefalografía) e PE (Potenciais evocados) en paciente neurocrítico

E finalmente correspóndelle a quenda ao tema máis innovador da xornada, a través da visión de expertos en anestesia e en neurofisioloxía clínica, abordando ao paciente crítico desde a electroencefalografía (EEG), os potenciais evocados (PE) e as novas técnicas dispoñibles en unidades de coidados críticos (UCI e Reanimación).

Segundo a especialista en Anestesia e Reanimación CHUO, a doutora Conchi Alonso, que intervirá na última mesa da xornada “no paciente crítico en xeral e no neurocrítico en particular é fundamental a súa monitorización para o control e a vixiancia da súa actividade cerebral para evitar as posibles secuelas neurolóxicas no futuro, polo que o papel dos neurofisiólogos nas unidades de críticos adquire unha vital importancia”.

A incidencia de TCE en todo o mundo vai en aumento, debido principalmente ás lesións asociadas co crecente uso de vehículos de motor. A lesión traumática encefálica (TBI) pode ser causada por un choque, un golpe ou unha sacudida que afecte a cabeza ou unha lesión penetrante na cabeza que comprometa o funcionamento normal do cerebro. Actualmente considérase unha “epidemia silenciosa”, xa que a sociedade é en gran parte inconsciente da magnitude deste problema.

*Algunhas das Técnicas diagnósticas de Neurofisioloxía Clínica

Electroencefalograma (EEG)

O EEG foi a primeira que se desenvolveu. Consiste no rexistro da actividade bioeléctrica cerebral en condicións basais de repouso, vixilia, sono e durante diversas activacións (habitualmente hiperventilación e estimulación luminosa intermitente). Permite o diagnóstico de enfermidades como a epilepsia, encefalopatías, estados de coma, diagnóstico de morte cerebral e outros. Dentro deste apartado tamén se atopan relacionadas técnicas como a corticografía e a magnetoencefalografía.

Electromiografía (EMG)

Electromiografía é un conxunto de técnicas que permiten estudar a función dos nervios periféricos, raíces nerviosas, unión neuromuscular ou músculo. Analizan a actividade voluntaria do músculo e/o as conducións nerviosas motoras e sensitivas en diversos segmentos do nervio. Dentro deste apartado tamén se atopan relacionadas técnicas como a exploración do sistema vexetativo.

Potenciais evocados (PE)

Os potenciais evocados avalían as respostas do sistema nervioso ante estímulos sensoriais específicos coñecidos e normalizados. Empréganse estímulos luminosos para avaliar a vía visual, estímulos acústicos para avaliar a vía auditiva, estímulos eléctricos para avaliar a vía sensorial etc. Dentro deste apartado, tamén se encadran técnicas relacionadas como a electrorretinografía, a electrooculografía, a electrococleografía e as otoemisiones acústicas.

Monitorización neurofisiológica intraoperatoria (MNIO)

Consiste na aplicación das técnicas anteriores durante aquelas cirurxías que presentan un alto risco de producir unha lesión neurolóxica -sobre-engadida á patoloxía previa do paciente- co obxectivo de preveelas nos casos que sexa posible. As técnicas a utilizar decídense conxuntamente entre neurofisioloxía e o equipo cirúrxico, dependendo da área do sistema nervioso que estea en risco. Emprégase en cirurxía de tumores do sistema nervioso (do cerebro, médula ou nervios periféricos), na cirurxía de aneurismas vasculares, e en cirurxías de columna de alto risco. Tamén se realizan os mapas de funcións co fin de determinar a situación das áreas elocuentes cerebrais (as da linguaxe, motora, sensitiva, …) para evitar a súa lesión durante a cirurxía.

Artigos relacionados

Back to top button