ConcellosÚltima horaVerín

“Ser ou estar”, título do cartel oficial do Entroido 2024 de Verín coa sombra do Cigarrón como figura central

 

Presentación do cartel do Entroido 2024 de Verín.

 

Na mañá deste martes 16 de xaneiro, o Concello de Verín presentaba o cartel oficial do Entroido 2024, unha creación orixinal da deseñadora gráfica Olalla Diéguez Boo, natural de Matamá. Este cartaz forma parte de campaña publicitaria “Ser ou Estar”, deseñada desde a área de Cultura e Festexos, e que ten como obxectivo “potenciar e revalorizar os valores propios do noso Entroido”. A presentación correu a cargo do alcalde de Verín, Gerardo Seoane Fidalgo, e da concelleira de Turismo, Cultura e Festexos, Samanta Barreira Vivián.

Segundo destacou Gerardo Seoane, no cartel “represéntase unha alegoría visual na que un conxunto de figuras anónimas celebran o Entroido nunha serie de diferentes escenas propias da festa, a celebración e os ritos destas datas”. O conxunto de todas elas forma un gran espazo no medio do que emerxe a silueta do cigarrón como metáfora do propio espírito do Entroido. A ilustración da obra está realizada mediante técnica dixital con software gráfico e por medio de ferramentas tecnolóxicas e utilízase unha paleta de cores vivas, alegre e festiva, tal e como é o Entroido. “No Entroido, Verín vístese de alegría”, dixo o alcalde.

A vontade da artista é “eloxiar a esta xente descoñecida pero de transcendental importancia, honrar a xente que cada ano traballa nos preparativos, festexa e trasladan as tradicións de pais e nais a fillas, de avós e avoas a netas. Grazas a eles faise o Entroido, todos eles son o Entroido”.

Ser ou Estar 

Co cartel como “punta de lanza” o Concello de Verín presentou tamén esta mañá a campaña publicitaria “Ser ou Estar”, composta por unha serie de accións offline e  online especialmente deseñadas co obxectivo de revalorizar os valores propios e máis representativos do Entroido de Verín.

“Aínda que o ano pasado centrabamos a campaña publicitaria nas figuras icónicas desta celebración (capuchóns, cigarrón, entroideiros míticos de renome), nesta ocasión”, explicou Samanta Barreira, “queremos poñer en valor a outra cara da moeda, menos coñecida, pero igualmente importante: aquela das persoas e grupos anónimos que, detrás dás máscaras, dan vida ao noso Entroido”.

 

 

Este esforzo vai máis aló dunha mera recuperación dos valores tradicionais do entroido, xa que se enfoca en manter viva a esencia cultural do evento, recoñecendo ademais o seu papel vital como un dos principais impulsores económicos da vila. “En Verín, a tradición non só é unha herdanza do pasado, senón unha forza dinámica que evoluciona constantemente. Esta campaña abraza a idea de que a tradición e a innovación poden e deben coexistir en perfecta harmonía”, salientou Barreira.

A primeira acción, levada a cabo o pasado xoves 11 de febreiro, consistiu na recreación dunha suposta pegada pirata de carteis nas rúas de Verín. A vila amenceu empapelada cun misterioso símbolo, xerando expectación entre a poboación. Esta acción viral contou coa colaboración dos centros de Educación Secundaria locais, as Forzas de Seguridade e da prensa local. O símbolo en cuestión será clave como elemento unificador nos diferentes aspectos gráficos da campaña, incluído o cartel oficial.

A presentación do cartaz dará paso ao lanzamento dunha serie de vídeos a través da web e redes sociais municipais. Segundo enfatizou a concelleira de Cultura, «Estes vídeos buscan espertar o “alter ego” máis auténtico e divertido en todas aquelas persoas que se acheguen a vivir o Entroido de Verín, convidándoas a “ser entroido”». A campaña pretende así ofrecer unha experiencia única e memorable durante esta festividade tan arraigada na tradición local.

A creación dos vídeos que protagonizarán a campaña “Ser ou Estar” foi posible grazas á colaboración das compañías de Teatro Amateur de Verín (Namarella, Kotodama e La Caja de Pandora) e a participación de recoñecidos actores da comarca, entre os que se atopan figuras destacadas como Mariana Carballal, Toni Salgado e Rubén Riós. Este elenco de talentos achega a súa destreza e carisma para dar vida aos elementos máis auténticos e divertidos do Entroido de Verín.

Un aspecto moi importante a destacar é que todo o equipo técnico encargado de levar a cabo a campaña está composto por profesionais locais do ámbito audiovisual vinculados coa comarca que, ademais, comparten unha conexión única coa tradición do Entroido, vivindo de primeira man a riqueza e a autenticidade desta festividade. “A combinación de talento artístico e coñecemento arraigado na cultura local promete ofrecer unha experiencia visual única e cativadora para o público”, finalizou Barreira Vivián.

Artigos relacionados

Back to top button