CulturaCulturaÚltima horaVídeos

Solemne conmemoración do bicentenario do falecemento do abade Ruiz de Padrón, en Vilarmartín

O IEV e o Concello realizaban unha ofrenda no monumento e o nomeamento como Valdeorrés Ilustre

 

Once anos despois da súa colocación, o monumento na honra a Antonio José Ruiz de Padrón, abade de Vilamartín e deputado nas Cortes de Cadiz, volvía ter protagonismo na mañá deste venres 8 de setembro, día no que se conmemora o bicentenario do falecemento de Ruiz Padrón.

 

 

Sobre el colocaban, o alcalde de Vilamartín Enrique Álvarez e o presidente do IEV Aurelio Blanco, unha coroa de loureiro ao son da gaita en directo interpretando o himno galego. Alí, a carón da igrexa parroquial de Vilamartín, Blanco Trincado lembrou que Ruiz de Padrón “elixiu morrer nesta terra (Portela) e entre os seus fregueses, podendo facelo en Málaga onde xa tiña praza como Maestrescola da Catedral. Quixo morrer onde as circunstancias o converteron en guerrilleiro, loitando para salvagardar as vidas e facendas dos pobres labregos, asoballados polas tropas invasoras do francés. Quixo vir a morrer a Valdeorras, terra dos labregos aos que liberou do Tributo de Santiago. Quixo vir a ver antes de morrer como fluía a auga na canle que coas suas propias mans e as dos seus parroquianos, converteran o erial nun verxel”.

 

Monumento en memoria de Ruiz de Padrón.

 

Coa presenza tamén da corporación municipal de Vilamartín, membros do Instituto de Estudos Valdeorreses e representantes políticos de concellos veciños como A Rúa, O Barco ou O Bolo, entre outros, a ofrenda era a primeira parte da homenaxe ao abade.

A segunda tiña xa lugar no Salón de Plenos do Concello onde se procedía ao nomeamento de Antonio José Ruiz de Padrón como Valdeorrés Ilustre a iniciativa do IEV. Trala lectura por parte da vicesecretaria do IEV e tenente de alcalde do Concello de Vilamartín Sherezade Núñez, da acta do mes de abril de 2023 na que era aprobado o nomeamento, o propio presidente do Instituto explicaba que a decisión era unánime e por múltiples méritos, como político, como clérigo, como guerrilleiro e como humano. “O Instituto de Estudos Valdeorreses, consciente da débeda de gratitude que tiña pendente Valdeorras co Dr. Antonio José Ruiz de Padrón outórgalle o galardón máis prezado que contempla o seu regulamento”, diploma acreditativo que recollía o alcalde.

 

Diploma acreditativo do título de Valdeorrés Ilustre.

 

O broche ao acto institucional poñíao Ana Valiño, veciña de Portela e fortemente vinculada á San Sebastián de La Gomera onde naceu o abade, lendo a semblanza que sobre Ruiz de Padrón escribiu para a ocasión un compatriota seu, Manuel Mora Morales.

A conmemoración do bicentenario do falecemento do abade continúa na terra onde naceu cun pleno no que participaba o alcalde Vilamartín via streaming. Por esa mesma vía, pola tarde participará el mesmo e tamén Avelino García Ferradal en representación do IEV, nun seminario sobre a figura de Ruiz de Padrón.

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button