
Parada de Sil continúa na loita contra o COVID-19 e, nese marco, vén de recibir con alegría os resultados negativos dos test PCR que lle practicaban hai uns días aos traballadores e usuarios da residencia da terceira idade deste municipio: o Xeriátrico Luces do Sil.
O alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, quere “felicitar aos traballadores do centro e á súa dirección e animalos a seguir coas mesmas medidas”. Ademais manifesta un “especial agradecemento ao persoal polo coidado que debe ter no centro e fóra del. Só así, mataremolo bicho”.
Na súa liña de traballo contra o coronavirus o Concello de Parada de Sil continúa desinfectando e aportando o material que pode”, di o rexedor, que ademais agradece a colaboración e o labor de Protección Civil, “son os verdadeiros artífices das desinfeccións, do transporte case diario de medicinas a algún fogar e de alimentos a quen o precisa. A idea é que cantas menos persoas saian da casa, mais fácil resulta evitar o contaxio”.
Finalmente, Aquilino Domínguez anima á veciñanza a seguir as medidas decretadas polas Administracións para facer fronte á pandemia. “Todos xuntos venceremos mais pronto que tarde”, conclúe o rexedor.