OurenseÚltima hora

“Un camiño imaxinado”, a recreación da Vía da Prata, no Pereiro de Aguiar

A iniciativa levarase a cabo no encoro de Cachamuíña para divulgar neste municipio os valores do Camiño de Santiago

 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada polo delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o alcalde do Pereiro de Aguiar, Luis Menor, visitou o encoro de Cachamuiña, que acollerá o proxecto Un camiño imaxinado, realizado no marco do programa O Teu Xacobeo cunha achega de máis de 17.900 euros por parte da Xunta. 

Trátase dunha recreación das distintas etapas da Vía da Prata entre A Pobra de Sanabria e Santiago de Compostela e que unha vez desenvolvido “converterase nun medio de divulgación e promoción do Camiño de Santiago neste municipio, dentro unha contorna natural privilexiada e porta de entrada cara a Ribeira Sacra e as serras orientais de Galicia”, aseguran dende Turismo de Galicia.

O Camiño imaxinado exporá, nun percorrido deseñado a unha escala circular de 4 quilómetros nun espazo de recreo de uso diario, o patrimonio natural e cultural presente nas diferentes etapas da Vía da Prata en dous orixinais formatos. Por unha parte, utilizarase a cuncha da vieira como símbolo máis representativo do Camiño de Santiago de gran tamaño para sinalizar a ruta no inicio desta e, por outra, distribuiranse nove paneis informativos ao longo do traxecto. Nestes espazos, realizados sobre lona impresa, persoas de recoñecida traxectoria intelectual presentarán esta ruta nunha linguaxe atractiva para ilustrar os recursos presentes no percorrido.

Así, as etapas que contempla O Camiño imaxinado, atendendo tamén ás variantes que presenta esta ruta, son: A Pobra de Sanabria-Lubián (en Zamora), Lubián-A Gudiña, A Gudiña-Laza, Laza-Xunqueira de Ambía, Xunqueira de Ambía-Ourense, Ourense-San Cristovo de Cea, San Cristovo de Cea-Dozón, Dozón-Bandeira e Bandeira-Santiago de Compostela.

 

Artigos relacionados

Back to top button