EconomíaEconomíaEn portadaPizarraÚltima hora

Un estudo que analiza o impacto do cambio climático na lousa, no congreso internacional Global Stone en Portugal

Este traballo ten sido realizado por Víctor Cárdenes, profesor do Departamento de Xeoloxía da Universidade de Oviedo co apoio do Clúster da Pizarra de Galicia

 

O actual contexto de cambio climático, provocado polas emisións industriais de gases de efecto invernadoiro, non só afecta aos distintos ecosistemas e poboacións humanas, senón que ten tamén o seu efecto no patrimonio arquitectónico da humanidade. E tamén nos materiais cos que ten sido construído. E nos posibles efectos dese cambio climático nun material construtivo como é a lousa, céntrase un estudo realizado por Víctor Cárdenes, profesor do Departamento de Xeoloxía da Universidade de Oviedo, co patrocinio e a colaboración do Clúster da Pizarra de Galicia. Os resultados deste traballo presentábanse a finais de xuño na sétima edición congreso internacional Global Stone Congress, celebrado en Batalha (Portugal). Este congreso reúne cada catro anos aos máis destacados expertos no mundo da pedra natural, minería, arquitectura e patrimonio pétreo.

“Un dos efectos do cambio climático é o incremento da acidez da atmósfera, xeralmente en forma de choiva aceda. A choiva aceda afecta as plantas, os animais, e tamén ás rochas. Algunhas das rochas empregadas en construción desde hai séculos son atacadas pola choiva aceda, chegando a disolverse. Isto supón un serio problema, tanto para os edificios pertencentes ao patrimonio histórico como para os novos edificios”, comenta este investigador.

Ademais, Cárdenes apunta que “de todas as partes dun edificio, a que se atopa máis exposta para os efectos da choiva é, sen dúbida, o tellado. É fundamental que o tellado, ou cuberta, estea construído con materiais resistentes e duradeiros, e que, á vez, sexan lixeiros. A lousa é a única rocha natural que cumpre estes requisitos. A súa eficacia queda demostrada polo seu uso para cubrir tellados desde tempos prehistóricos. Agora ben, a civilización humana enfróntase a un desafío inédito. O cambio climático vai afectar múltiples efectos da nosa vida, entre eles a forma que temos de construír. Como responderá a lousa a este desafío, seguirá protexendo os edificios de maneira segura ou pola contra, verase afectada, como gran parte das rocas de construción?”.

Neste senso, Víctor Cárdenes comenta que o “medio acedo vai ser o principal problema. A lousa está composta principalmente por tres grupos de minerais: cuarzo, cloritas e micas, resultantes do proceso xeolóxico do metamorfismo, o cal á súa vez formou a estrutura densa e compacta que ten a lousa. Estes minerais metamórficos son estables e resistentes para os efectos da choiva aceda. Con todo, ocasionalmente poden aparecer outros minerais, chamados minerais accesorios, como carbonatos e sulfuros de ferro, sempre en pequenas proporcións, por baixo do 1%. En ocasións, estes minerais pódense chegar a alterar en ambientes acedos. Os carbonatos altéranse a xeso, formándose costras esbrancuxadas, mentres que os sulfuros de ferro transfórmanse en óxidos de ferro, creándose regueros de cor avermellada que poden deslizarse cara abaixo do tellado”.

 

 

O traballo presentado por este investigador céntrase na análise da bibliografía e os estudos existentes sobre lousas. “A análise revelou que estas alteracións, producidas tanto en épocas históricas como recentes, implican pouco ou ningún efecto na durabilidade desta rocha. En ambos os casos, os efectos xerados son meramente estéticos, xa que a estrutura interna da lousa non se ve alterada. Os casos nos que se produciu a disgregación da lousa son anecdóticos, e están relacionados con ensaios de laboratorio en condicións moi agresivas, imposibles de alcanzar no mundo real”.

Así Cárdenes extrae dúas conclusións directas deste estudo: “por unha banda, confírmase o observado sobre a durabilidade e estabilidade da lousa, e por outro, dedúcese que o impacto do cambio climático sobre esta durabilidade vai ser nulo ou insignificante”.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button