EconomíaEconomíaEn portadaPizarraÚltima hora

Un proxecto de posta en valor turística da lousa, finalista nos Premios da Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo

O seu título é "Lousa. Recuperación en zonas con procesos de extracción" e ten sido seleccionado na categoría de investigación e difusión

Os arquitectos responsables do proxecto./ Cedida.

 

O proxecto Lousa. Recuperación en zonas con procesos de extracción, concibido polos arquitectos Carlos Quintáns Eiras e pola valdeorresa Zaida García Requejo para dinamizar turisticamente os activos paisaxísticos ao redor desta roca na comarca de Valdeorras, acaba de ser incluído como finalista na categoría de Investigación e difusión dos Premios da Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo (BEAU).

“Trátase dunha das convocatorias máis relevantes e mediáticas do noso país, que pretende poñer en valor a arquitectura como valor de cambio, e está promovida polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, en colaboración co Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España e a Fundación Arquia. Os proxectos gañadores en cada unha das categorías de premios establecidas na BEAU daranse a coñecer o próximo mes de setembro, data na que a Bienal celebrará a súa XVI edición na cidade de Sevilla.

25 finalistas entre 150 propostas

O proxecto arquitectónico promovido polo Clúster e apoiado polo Concello de Caraballeda de Valdeorras, a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xunta e a Deputación de Ourense é un dos 25 finalistas dentro dunha das categorías máis relevantes da convocatoria da Bienal, á que se presentaron 150 propostas.

O proxecto asinado ten unha longa intrahistoria debido a que os seus artífices levan anos interesados en investigar e publicar información sobre os procesos produtivos e a posible mellora das contornas xeográficas nos que estes se incardinan.

Tras publicar un par de obras centradas nesta cuestión, Quintáns e García comezaron a traballar en colaboración coa nosa Agrupación industrial nun plan para determinar como actuar no conxunto de canteiras de Valdeorras atendendo ao peche de varias delas, e forzando as intervencións necesarias para restablecer a vexetación nas zonas degradadas, derrubar ou restaurar construcións abandonadas existentes e fixar lugares de descanso e de lecer, así como para expor percorridos que debían mostrar as calidades paisaxísticas que xa existían.

 

Foto: Carlos G. Hervella.

 

 

Está previsto que as investigacións destes anos consoliden este ambicioso proxecto de intervención sobre antigas canteiras na zona de Carballeda de Valdeorras. Á investigación sumóuselle un proxecto de intervención e ambos foron entregados en novembro de 2022.

“Ambos os traballos, o de investigación e o de proxecto, deberían contribuír á reflexión disciplinar que nos é propia e tamén á súa conexión coa cultura, atendendo ao sucedido na arte desde hai décadas e que debería retomarse”, considera Carlos Quintáns, un dos arquitectos artífices da investigación e da proposta de actuación.

A súa compañeira Zaida García considera, ademais, que “ambas as accións poden ser semente para impulsar cambios na contorna e de relación co medio, para canalizar adecuadamente o desenvolvemento e o progreso, a través dunha actuación concreta que podería replicarse logo noutras áreas xeográficas con similitudes paisaxísticas”.

Reclamo turístico de primeira orde

Pola súa banda, o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Víctor Cobo, móstrase satisfeito de que o proxecto fose preseleccionado na BEAU sempre que axudará a darlle visibilidade a Valdeorras como emprazamento principal da actividade louseira en Galicia e á propia Agrupación industrial e ás súas empresas como organizacións concienciadas con poñer en valor “non só a xeración de postos de traballo e dinamización económica que a lousa posúe na zona, senón tamén co coidado e acondicionamento da zona na que se incardina, de acordo ás premisas de sustentabilidade, para que a área xeográfica no que se sitúan as canteiras convértase nun reclamo turístico de primeira orde”.

Artigos relacionados

Back to top button