Aos pacientes da zona de consultas do edificio Santa María Nai, no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, faránselle as agardas á consulta máis amenas e divertidas, xa que os corredores desta instalación acollen a exposición “150 anos de caricatura médica en España”. Esta mostra inaugurouse hoxe, 11 de maio, e contou coa presenza do responsable da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Dionisio López e varios membros da Academia Médico Cirúrxica de Ourense.
A través dunha exposición da Real Academia Nacional de Medicina, que se fixo en Madrid en maio do ano pasado, “nos deixaron seleccionar unha serie de caricaturas que formaron parte dos fondos da academia Médico Cirúrxica de Ourense”, explicou a presidenta de devandito organismo e organizadora da mostra, Concepción Victoria Fernández.
De entre todas esas caricaturas fixeron unha escolma dos profesionais galegos, entre os que está Castelao, e “figuras destacadas que ao público xeral pódenlle soar xa que dan nome a centros hospitalarios e de saúde como Nóvoa Santos, Gregorio Marañón, Pío Baroja, Ramón y Cajal…”. Máis de 50 caricaturas estarán colgadas nos corredores deste centro médico, “pero o noso obxectivo é que sexa itinerante e pase polos principais centros de saúde e centros médicos da provincia”, dixo Concepción Victoria.
En canto ao obxectivo principal da mostra, a doutora Fernández salientou que lles pareceu importante porque, ademais de dinamizar os espazos dos centros médicos, “amosa aos profesionais e ao público, a través dunha recensión biográfica baixo cada caricatura, quen foron eses profesionais tan relevantes para a profesión médica e incluso socio política do país en distintas etapas da vida”. Asemade, para esta exposición, a Academia Médico Cirúrxica de Ourense engadiu unha caricatura dos seus fundadores, “hai xa 57 anos”, contou Concepción, “e contamos coa presenza do único fundador que queda vivo, que é Luis Fernández Rodríguez”, unha peza obra do artista ourensán Xosé Lois Carreira.
Esta idea xurdiu xa que, dentro da Academia Médico Cirúrxica de Ourense, intentan facer unha semana cultural, “para amosar o lado máis humanos da profesión”, dixo a súa presidenta, e facer cada ano unha exposición e actividades lúdicas abertas á cidadanía. Pero, ademais destas actividades lúdicas, a Academia Médico Cirúrxica ten como obxectivo principal fomentar a formación continuada: “ao longo do ano programamos dez sesións científicas dirixidas a profesionais sanitarios”, dixo a presidenta.
A exposición estará a no CHUO até finais de xuño.
Texto e fotos: Carlos Asensio.